Publicador de contidos

Publicador de contidos

Soutosanín pide unha parada de autobús accesible

Soutosanín pide unha parada de autobús accesible

Veciños do barrio ourensán de Soutosanín quéixanse das empinadas escaleiras que teñen que subir para coller o bus urbano

Veciños de Soutosanín regresando da parada do autobús
G24.gal 03/04/2023 14:18

Coller o autobús urbano é toda unha odisea para os veciños de Soutosanín. Unha vez que saen das casas, por unha costa arriba bastante empinada, o primeiro que teñen que facer é cruzar unha estrada de catro carrís, a comarcal 536, e despois, máis dunha trintena de chanzos que resultan ata perigosos para a media de idade dos usuarios habituais.

"Bastante, para min é bastante, e para os que estean coma min, que só teño perna e media, tamén", ratifica un dos afectados, que emprega caxato para camiñar.

Unha vez arriba, outro reto: para baixar á cidade, a marquesiña cadra ben, do mesmo lado, pero á volta hai que cruzar.

"A xente que se baixa alí non ten nin unha beirarrúa nin un paso de peóns para cruzar por alí e os coches veñen moi rápido", explica unha veciña.

E despois aínda falta baixar de novo polas escaleiras, combinadas cunha rampla empinada tamén. 

"E sobre todo cando isto está de inverno, de xeada ou con verdello. Eu teño que baixar arrimada á varanda, que se non... vou con medo", di outra veciña.

A solución, aseguran, sería ampliar unha das liñas de autobuses urbanos xa existentes, a de Mende, para que chegue ata aquí e lles dea servizo.

Abandono

Considéranse abandonados polo Concello malia o preto que están da cidade e poñen outro exemplo: o asfaltado a medias.

Xesús Fortes, secretario da asociación de veciños de Soutosanín: "Cheo de fochancas. Énchese de auga cando chove, xa houbo que facer un arranxo porque se afundiu o terreo...".

Piden que lles presten a mesma atención que aos barrios máis urbanos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade