Piden que se retiren os valados que prohiben estacionar na rúa da Igrexa de Ferrol
A prohibición baséase nunhas obras de reurbanización fixadas para o 1 de xuño que aínda non comezaron
Os polémicos valados que prohiben o estacionamento na rúa da Igrexa, de Ferrol, foron colocados o 29 de maio ante o inicio das obras de reurbanización previstas para o día 1 de xuño. Unhas obras que sete días despois non comezaron.
Os comerciantes aseguran que a situación repercute nos seus negocios porque xera problemas e incomodidades entre a súa clientela, que se ve abocada a facer uso do aparcadoiro do Cantón.
Aseguran que non se opoñen a que se faga a obra, pero esixen a retirada dos valados ata que se concrete a data de inicio e que se lles informen sobre os prazos de execución.
Desde o Concello apuntan que o valado foi colocado pola UTE que executa a obra segundo a programación dos traballos. O Goberno en funcións manifestou que actuará conforme lle indique o alcalde electo, que pediu analizar a programación da obra antes de que comecen os traballos nese tramo.