Piden a mellora dunha estrada de Vilar de Astrés, Ourense, con curvas perigosas
Trátase dunha vía, dependente da Deputación de Ourense, limitada a 50 km/h, que non conta con beiravías
En Vilar de Astrés, no concello de Ourense, piden a mellora da principal estrada da aldea. É unha vía moi transitada e con moitas curvas, preocúpalles principalmente unha cun terraplén perigoso na que ten habido numerosos accidentes.
A OU-0526 comunica a cidade de Ourense con varias aldeas do concello e co veciño Amoeiro. É unha estrada limitada a 50 quilómetros por hora, sen beiravía e con moitas curvas perigosas.
No 2020 unha muller quedou ferida grave ao caer o seu coche nesta curva polo terraplén abaixo e envorcar. Os veciños de Vilar de Astrés lembran varios accidentes nesta estrada, dous deles mortais.
A vía pertence á Deputación de Ourense, os usuarios xa lle trasladaron os perigos e solicitáronlle melloras para evitar máis accidentes.
A veciñanza de Vilar de Astrés denuncia que este é só un dos problemas que teñen polo abandono, din, por parte do Concello de Ourense do perímetro rural.