Persecución policial de película en Moaña
Un veciño de Cangas de 38 anos, detido tras fuxir da policía a toda velocidade e circular por direccións prohibidas
Persecución de película en Moaña, cun condutor que mesmo intentou sacar do carril o coche de policía que o perseguía. Deu positivo no control de alcolemia e levaba un gramo de cocaína no coche. Ía nun Opel Corsa a máis de 110 quilómetros por hora polas rúas de Moaña e fuxindo dos axentes. Un veciño de Cangas, de 38 anos, foi detido despois dunha persecución que puxo en risco a vida dos axentes que patrullaban antes das seis da mañá na rotonda do Lestón.
Logo de ver os axentes, o condutor deu un volantazo e enfiou pola rúa Xogo da Bóla por dirección prohibida cara ao Rosal. Comezou unha persecución en que chegaron superar os 110 quilómetros por hora en tramos limitados a trinta. Ao chegar á rotonda do Rosal marchou por dirección prohibida á subida do Redondo e mesmo tentou sacar os axentes da estrada. Finalmente, na recta do Redondo a patrulla logrou adiantar o coche, cruzáronse, e acabaron coa fuxida temeraria. Por sorte, ninguén se mancou porque a esas horas apenas había tráfico.
O condutor foi detido e deu 0,60 na proba de alcolemia. No rexistro do vehículo, os axentes atoparon un gramo de cocaína e o condutor quedou a cargo da Garda Civil á espera de pasar a disposición xudicial. Agora afronta varios delitos, entre outros, condución temeraria, desobediencia grave aos axentes da autoridade, atentado e un delito contra a seguridade viaria.