Condena de 6 a 19 meses de prisión aos acusados dunha vaga de roubos na comarca de Ordes
Só se presentaron a xuízo sete dos dez acusados, que recoñeceron os feitos e chegaron a acordo coa condena
Os feitos remóntanse a 2018, así que houbo unha rebaixa das penas pola dilación do procedemento
Dez homes, de común acordo e cun plan preconcibido -segundo o fiscal- entraron roubar en vivendas de Trazo, Oroso, Ardemil e Frades entre abril e xullo de 2018. Asaltaron catro e tentárono noutra, pero fuxiron ao sentir xente no interior. Nas que entraron, fixérono co mesmo sistema: ían en grupo, de ata seis persoas, rebentaban unha porta ou ventá traseira, e coábanse na vivenda. Levaron xoias, cartos, ordenadores e outros dispositivos electrónicos, calcula o fiscal que por valor duns 14.000 euros en total.
Case nove anos despois, o xuízo por eses feitos chegou á Audiencia Provincial da Coruña. Dos dez acusados, tres foron declarados en rebeldía ao non comparecer. Os sete que se presentaron, desfilaron polo estrado para recoñecer os feitos, e chegar a acordo en canto ás penas.
Pedían para eles entre un e seis anos, dependendo da participación nos feitos e da reincidencia. Catro acusados tiñan condenas previas por feitos similares. Finalmente, polo atraso que acumulou o procedemento, houbo unha rebaixa grande nas penas.
"Transcorreron case 9 anos dende a comisión dos feitos -di o avogado Diego Reboredo-, houbo un atraso na instrución que fixo o xulgado de Ordes, e na remisión do procedemento á Audiencia". Iso considerouse unha atenuante "moi cualificada", e as rebaixas "foron grandes", explica.
As condenas van dos seis aos 19 meses de prisión, máis as indemnizacións polo valor do subtraído e os danos causados nas vivendas. Os tres acusados que non compareceron quedan fóra do acordo e, no seu momento, terán que enfrontarse a xuízo por estes feitos.