Violento roubo a un hostaleiro de Poio
Dous encarapuchados asaltaron o empresario na súa casa de madrugada
Leváronlle a recadación do día do asador que rexenta
A Garda Civil investiga os feitos e polo de agora non consta que houbera detencións.
Aínda co susto no corpo, o hostaleiro de Poio que sufriu un violento asalto esta fin de semana confirma que o abordaron no seu domicilio, de madrugada, á volta de pechar o asador que rexenta, un dos máis concorridos do concello.
Di que non ten idea de quen podían ser as persoas que lle roubaron e agora non quere darlle máis percorrido ao asunto, que puxo de inmediato en coñecemento do Instituto Armado.
Segundo o seu relato, pasada a unha da madrugada dous encarapuchados se botaron enriba del e accederon á finca da súa propiedade batendo na porta.
Leváronlle os cartos que tiña nese momento, que eran a recadación do restaurante desa xornada, e tamén a furgoneta coa que chegara á casa. Nela fuxiron os asaltantes.