Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo roubo a unha anciá na Mariña, desta volta en Burela

Novo roubo a unha anciá na Mariña, desta volta en Burela

Convencen unha octoxenaria para subir a un coche e levala ata a súa casa, de onde lle levaron xoias e 400 euros en metálico

Abordaron a anciá, para acabar roubándolle xoias e cartos, no centro da vila
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro e Jose Lamas. 13/10/2026 14:09

Unha banda organizada rouboulle 400 euros en metálico a unha muller de 84 anos. Sucedeu, a plena luz do día, nunha céntrica rúa de Burela. Os ladróns convenceron a octoxenaria para que subise a un coche, coa escusa de levala para a casa. 

"Unha señora maior viña de facer a compra do súper e foi abordada na rúa por unha muller que lle empezou a falar duns cartos que tiña que devolver. Logo apareceu un home, ben vestido, que se puxo a colaborar. Nun momento dado convencérona para que subise ao coche, no que foron ata a vivenda desta señora, onde lle roubaron uns cartos e unhas xoias que tiña alí", explica Manuel Galdón, oficial xefe da Policía Local de Burela. 

Este roubo denunciado en Burela produciuse días despois doutro moi similar rexistrado en Ribadeo, en que lle subtraeran máis de 3.000 euros a unha muller centenaria. Por se fose pouco, as autoridades saben de, polo menos, outros dous intentos que non chegaron a consumarse. Hai, por tanto, preocupación entre a poboación da Mariña.

"Non queremos alarmar a xente, pero tamén é certo que hai que tomar as medidas de seguridade normais. De feito, en Burela intentárono facer con outras dúas persoas, mulleres tamén, de máis de 80 anos e soas na rúa. Pero esas dúas persoas viron que algo non encaixaba e que lles amosaba unha cantidade de cartos que non tiña sentido. Unha delas mesmo se prestou a acompañalos á sede da Policía Local, pero non quixeron ir", sinala Galdón. 

A Garda Civil está a investigar a autoría desta vaga de roubos que comparten modus operandi. Para iso, conta coa colaboración das policías locais de Ribadeo e de Burela, vila onde hai ata 15 cámaras de vixilancia xestionadas polo Concello. 

"Estamos traballando desde o primeiro día coa Garda Civil, coa Policía Xudicial, e está o tema moi avanzado. O que pasa é que tamén é certo que é unha investigación complexa que levará tempo", conclúe o xefe da policía municipal. 

Tamén en Burela, roubáronlle o bolso a unha muller no aparcadoiro dun supermercado, aínda que en principio se desbota que teña relación coa mesma banda itinerante. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade