Peche dun grupo de médicos en Vigo para pedir a fin da folga: Caamaño reclámalle diálogo a O'Mega
Caamaño reitera a súa petición a O'Mega de que sente dialogar, unha "vontade clara" por parte de Sanidade
Respecto á folga estatal polo Estatuto Marco, o conselleiro lamenta a "falta de sensibilidade" da ministra, Mónica García
Os médicos volven á folga esta semana, sen horizonte de acordo co ministerio
Un grupo de médicos de Atención Primaria encerrouse nas instalacións do Centro de Saúde Olimpia Valencia, en Vigo, para esixir á Consellería de Sanidade que negocie co sindicato O'Mega as condicións que permitan suspender a folga indefinida no servizo en marcha pasado 2 de marzo.
Explican que o peche é "indefinido" e a intención dos médicos encerrados é "continuar no centro de saúde ata que a Xunta acepte establecer unha negociación seria e respectuosa".
Entre as súas reivindicacións, citan a limitación das axendas médicas para permitir un tempo adecuado de consulta con cada paciente, a redución das listas de agarda e a homologación retributiva entre distintas especialidades que existen en centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC).
O obxectivo, remarcan, é "dignificar o exercicio da súa profesión en Galicia e garantir un nivel de calidade asistencial que reverta unha situación que levou a sanidade pública galega a ter entre os cidadáns a peor opinión do últimos oito anos".
Caamaño reitera a súa petición a O'Mega de que sente a dialogar, unha "vontade clara" por parte de Sanidade
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou a súa petición ao sindicato O'Mega de sumarse á mesa de negociación que ten a consellería para a reforma de Atención Primaria e insistiu en que a vontade de diálogo do seu departamento é "clara".
O conselleiro compareceu xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do Goberno galego. En resposta a preguntas dos medios, tamén se referiu á folga estatal contra o Estatuto Marco, que tamén convoca O'Mega en Galicia.
Sobre isto, lembrou que as competencias e responsabilidade á hora de regular o funcionamento do novo sistema, incluídas categorías profesionais, xornadas, gardas... é do Ministerio de Sanidade. "Que cada un asuma as súas responsabilidades", sinalou.
Gómez Caamaño afeou á ministra de Sanidade, Mónica García, a súa falta de "sensibilidade" para reunirse cos seus compañeiros e tentar chegar a un acordo "canto antes".
Por outra banda, respecto ao emprego de médicos extracomunitarios, o conselleiro asegurou que Sanidade "sempre aposta" porque todos os facultativos teñan unha especialidade, pero recoñeceu a situación "en momentos puntuais".
"Puntualmente, por necesidades asistenciais, contrátase médicos que non teñen especialidade, pero son médicos. En calquera caso, sempre tentaremos que esa situación vaia remitindo, co paso do tempo, a medida que dispoñamos de profesionais suficientes", explicou.