Padiolas nas estacións de tren para que durmisen os pasaxeiros
O tráfico ferroviario segue interrompido en Galicia
A petición do ADIF, a Cruz Vermella ocupouse da atención aos pasaxeiros que pasaron a noite nas estacións
Ao quedar suspendido o servizo ferroviario houbo moitos pasaxeiros que pasaron a noite nas estacións. "Tocoume quedar aquí porque tampouco había autobuses. Foi incómodo, pero tratáronnos ben, déronnos de comer". "Desde onte ás 14:47 ata hoxe esperando, sen información e sen ningunha solución", comentan dous usuarios.
Só na estación de Ourense durmiron máis de corenta persoas, asistidas pola Cruz Vermella que, a petición do ADIF, despregou padiolas para que os pasaxeiros puidesen pasar a noite. Tamén lles subministraron comida, mantas e produtos de aseo.
Felipe Ferreiro, presidente da Cruz Vermella en Ourense: "Estiveron os voluntarios acompañándoos ata as tres da madrugada aproximadamente. Cando xa quedaron instalados nas padiolas, coas mantas e con algo de alimento que lle trouxemos, pois xa se retiraron os 12 voluntarios da Cruz Vermella".
Outros aínda o tiveron máis complicado, coma uns pasaxeiros do AVE Madrid-Vigo que quedaron parados en Zamora, ata que esta mañá os recolleron en autobuses.
Ao longo de toda a mañá seguía chegando xente á estación ante a dificultade de obter información polas vías convencionais, por teléfono ou por Internet. Acudían coa esperanza de que xa estivese restablecida a circulación ou, cando menos, de obter información máis concreta nos mostradores.
"Atopámonos perdidos, descolocados, desesperados..., sen saber o que vai pasar". "Esperamos que, polo menos, nos digan cantas horas hai de atraso para, polo menos, decidir que facer". "Eu veño de Trives. Erguinme ás cinco da mañá porque me dixeron que se non funcionaba me mandaban un SMS e non me mandaron nada", comentan varios pasaxeiros.
Malia as advertencias de Renfe de que os pasaxeiros evitasen acudir ás estacións ata novo aviso, foron moitos os que ían chegando á procura de información. Algúns, pendentes tamén doutros enlaces: "Estamos esperando o tren para Madrid porque temos un voo ás 12 da noite para Arxentina". "Eu teño que ir a Madrid coller o voo para O Brasil, e temos ese problema". "Teño billete ás 10:30 para Madrid e de Madrid a Zaragoza".
Moitos optaron por transportes alternativos, desde autobuses a taxis ou coches de alugueiro.