Ourense énchese de coplas e representacións florais na súa tradicional festa dos maios
As asociacións participantes amosaron as súas creacións na Praza Maior e na praza de Santa Eufemia
"O día dos maios vimos festexar. Aquí chegamos veciños do Sobral".
Aí vén o maio de flores cuberto. As carqueixas, os codesos e as xestas en flor transfórmanse nesta festa de todas as maneiras posibles.
"Nós sempre intentamos facer algo de Ourense ou da contorna de Ourense: un peto de ánimas, un cruceiro... e este ano que mellor que quedar no corazón de Ourense, na praza do Ferro, e fixemos a fonte da praza.
"Cada quen fai a figura que lle gusta ou que lle sae. Leva musgo, carqueixas…".
E aínda que o que se celebra é a primavera, atopamos tamén representacións máis propias do inverno.
"Temos a representación da matanza do porco, típica de Galicia. Temos a lareira, o porco coas tripas para facer os chourizos, os chourizos colgados, o pan no forno".
"É algo enxebre, algo bonito, algo noso, da nosa terra".
O maio vén tamén coas súas coplas, nas que a retranca é un elemento fundamental. O xurado encargado de elixir as mellores, escoita con atención.
"Ante todo a creatividade, a innovación, a retranca, a interpretación, e ser coidadosos coa métrica", explica un membro do xurado.
As coplas dos maios continuarán en Ourense durante toda a xornada.
"Os veciños de Sobral que ben nos levamos, facemos o maio e as coplas cantamos".