Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os veciños piden o arranxo da locomotora do barrio ourensán da Ponte

Os veciños piden o arranxo da locomotora do barrio ourensán da Ponte

Aseguran que a deterioración da máquina cada día é maior

G24.gal 08/11/2022 14:19

É un dos símbolos máis recoñecibles para os ourensáns. A vella locomotora vixía a estación de tren dende o 1976. Pero non está a pasar polo seu mellor momento. A falta de mantemento está a provocar danos importantes na súa superficie.

"As locomotoras cando non traballan teñen que estar protexidas, senón podrecen. Tiñamos a promesa do alcalde no ano 2020 de que se ía arranxar, que ía preparar toda a contorna da locomotora e efectivamente isto preparouno, pero a locomotora segue igual, iso está nas últimas", explica Fernando Moure, da Asociación de veciños Andén Primeiro.

No barrio da Ponte, onde hai unha fonda tradición ferroviaria, levan tempo reclamando a través das asociacións de veciños a restauración da súa locomotora.

"Aquí está a estación do ferrocarril, algo moi noso do barrio da Ponte. Que menos que facerlle unha reparación en condicións"

"Que se conserve, que se manteña, que se restaure, porque é un símbolo deste barrio, está enfronte da estación de tren, non hai mellor símbolo e a verdade é que está bastante deteriorada."

"Non deixa de ser un referente para a cidade de Ourense e está deteriorándose moito, cada vez máis, iso engadido os actos de vandalismo… así que coido que si, que deberían botar man dela e arranxala."

O caso é que os arranxos non dan chegado e namentres o seu estado de deterioración é cada vez maior.

"Sería unha pena que a nosa época pasase a historia pola que perdeu esa locomotora polo estado de abandono no que se encontra. Dentro de pouco vai ser un lío de ferros que non vai ter arranxo, entón habería que botar man mentres é posible. Tamén cremos que hai un risco para a xente que pasa por alí ou que se achega a facer fotos porque hai partes que están caendo literalmente", apunta Ana Gloria Rodríguez, da Asociación de veciños Vía Vella de Ponte Canedo.

Recentemente a plena luz do día mesmo roubaron algunhas pezas da locomotora que conseguiron recuperar nunha chatarreira. En España tan só se conservan dous modelos de locomotora coma esta, unha está no museo do ferrocarril de Cataluña, a outra é esta a do barrio ourensán da Ponte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade