Os veciños de San Tomé, en Cambados, recollen sinaturas para pedir un semáforo de peóns
Presentaron 746 sinaturas para reclamar máis seguridade viaria na avenida de Galicia
A veciñanza do barrio cambadés de San Tomé mobilizouse para pedir máis seguridade para os peóns na zona. Din que a intersección entre a avenida de Galicia e a rúa Os Olmos é un punto de alto risco, e temen que algún día haxa un accidente grave.
É un treito da estrada PO-550, que conecta Cambados co Grove. Hai semáforos máis arriba e máis abaixo, pero din que este dos Olmos -que só ten paso de peóns- é un cruzamento especialmente perigoso. "É delicado porque cruzan os nenos para o colexio, e os maiores para o supermercado ou as tendas", di unha veciña. "Hai moito tráfico, e pasan moitos nenos", di outra.
A Policía Local regula o tráfico á entrada e á saída do colexio, pero o resto do tempo a veciñanza di que pensa moito o de atravesar a avenida por esta zona. Denuncian que xa houbo algún que outro susto, e que os vehículos non respectan a limitación de velocidade, establecida a 30 km/hora.
Fartos da situación, puxéronse a recoller sinaturas para reclamar solucións. E recolleron 746, que xa entregaron no concello. Dende a alcaldía aclaran que se trata dunha dunha estrada de titularidade autonómica, así que van tramitar a solicitude na Xunta para ver se autoriza a instalación do semáforo.