Os veciños da parroquia viguesa de Coia denuncian o abandono do barrio
Árbores sen podar que entran polas ventás, rúas intransitables cando comeza chover ou ratas que entran nos baixos
Veciños de Coia, en Vigo, levan anos denunciando o abandono do barrio. Din que crece a inseguridade, que non teñen onde aparcar, e que parques e zonas axardinadas se asolagan cando comeza a chover. Árbores sen podar con pólas que entran polas ventás, acceso imposible para ambulancias e coches de bombeiros e mesmo unha pista de skate totalmente estragada que calquera día pode causar unha desgraza. Mesmo as ratas están a entrar nos baixos dos edificios.
Piden que o Concello actúe xa para evitar unha desgraza. Parte dunha árbore xa caeu e hai anos que esperan que a corten para evitar que caia enriba de alguén. Perigoso está tamén o parque para facer skate, con gretas e fochancas que desaconsellan o seu uso.
Segundo o presidente dunha comunidade de veciños o barrio "as beirarrúas están totalmente fundidas, acumúlase auga porque a rede de sumidoiros está atoada e enchárcase e os veciños mollan os pés. Os bolardos non permiten o acceso; se hai unha emerxencia, bombeiros ou ambulancias non poden acceder ata as vivendas". Outra veciña denuncia que "estou farta porque as árbores chegan ao terceiro, as ratas son coellos, nos canalóns faise un charco que cando chove forte temos que pasar en canoa. E aquí non veñen limpar nunca, porque levamos anos que non limpan nada". Outra quéixase de que "as pólas case me entran no cuarto do neno. E logo as dúas árbores que teño diante, entra bichería, cando vai vento tócanme nos cristais". Outra pide que "máis que nada que non nos deixen abandonados como estamos dende hai cinco anos levando por rexistro do Concello, e estamos deixados da man de Deus. Eu digo que hai barrios de primeira e de segunda".
Os veciños din tamén que o abandono fai que estean a aumentar os roubos e, comezan a ter medo pola falta de seguridade neste barrio de Coia.