A incansable loita dos veciños das Vilas, na Estrada, pola conexión a Internet
Malia que a parroquia ten cobertura de fibra óptica, os operadores non lles dan servizo
Levan catro anos pedindo unha solución: "Hoxe en día non se pode vivir desconectados"
Incomunicados en plena era das comunicacións. Así se senten os veciños das Vilas, unha aldea estradense onde falar polo móbil ou conectarse a Internet é toda unha odisea.
"Usamos routers na casa, pero van moi mal, e en canto te afastas un pouco, xa nada", di Manuel Silva, un dos veciños das Vilas.
"Eu, por exemplo, para inscribir os becerros da gandería teño que andar buscando cobertura por toda a casa e moitas veces non o logro. Tamén teño dous nenos pequenos e os profesores mandan mensaxes a través de Abalar e a min nin me chegan", engade Patricia Porto, unha gandeira da aldea.
"Se me chamas e estou na cociña non me chega a chamada, teño que estar no piso superior", comenta Enrique Campeiro, outro dos habitantes do núcleo.
Sobre o papel, o plan de implantación da fibra óptica no rural inclúe toda a parroquia. Pero o seu núcleo quedou a máis de 500 metros da última caixa de distribución. A operadora tería que prolongar o cable para darlles servizo, pero como nunca tiveron tampouco postes de telefonía fixa, a cousa complícase.
"Ti chamas a compañía e din que si temos cobertura, logo veñen aquí e din que non poden facer a conexión".
"Din que precisan postes da liña, pero aquí non hai, nin postes, nin fibra, nin nada".
Séntense discriminados con respecto a outras aldeas da contorna ás que si lles puxeron fibra. Din que non van parar ata ter unha conexión que lles permita traballar, estudar e comunicarse desde a casa.
"Disque esgotaron os fondos europeos que lles deron, pero no plan se comprometeron a facer toda a parroquia de Parada, non só algunhas aldeas".
"Que se plasmen na realidade eses fondos europeos, que fagan que todos os cidadáns galegos sexamos iguais, nós pagamos os impostos como os demais".
Xa levaron a queixa ante as operadoras, o Concello e o Valedor do Pobo. Pero en catro anos de loita non lograron solución para unha aldea onde non están dispostos a ser cidadáns de segunda.