A Xunta abre o prazo para pedir as axudas para persoas con ELA
Estas axudas dotarán de 12.000 euros anuais aos solicitantes
Agárdase que as axudas cheguen a unhas 200 persoas afectadas pola patoloxía

A Xunta abre este martes o prazo para solicitar as axudas para persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA). A solicitude pode presentarse ata o 3 de novembro para axudas de 12.000 euros.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde destas subvencións, coas que o goberno espera chegar a uns 200 afectados.
Esta é a terceira convocatoria destas axudas, promovidas pola Consellería de Política Social e Igualdade. Supón un desembolso ampliable de 2,4 millóns de euros.
Realízase a solicitude a través dun trámite en liña, cun formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou, opcionalmente, pódense presentar presencialmente nos rexistros habilitados.
O goberno galego explica que estes apoios serven para os damnificados directos pola enfermidade afrontaren os gastos que a ELA implica, coma a compra da cadeira de rodas, adaptación a fogares e demais.
A Xunta reivindica tamén que habilitou un proceso clínico para axilizar o diagnóstico e unha vía preferente na valoración da dependencia dos afectados.