Baño de visibilidade na Coruña para a investigación da ELA
Douscentos valentes desafiaron o frío na Coruña para mergullarse en solidariedade cos enfermos de esclerose lateral amiotrófica
A zona de baño do Parrote, na Coruña, acolleu este mediodía unha nova edición da travesía a nado pola ELA.
"Estamos contentos, ademais hoxe está un día estupendo para poder gozar desta mañá de deporte acuático e tamén en beneficio da asociación", explica Vanesa García, directora de AGAELA, Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica.
Protexidos ou non con traxes de neopreno, os participantes neste evento solidario podían escoller entre nadar 400 metros ou alongar a travesía ata os mil.
"Vimos todo o equipo a facer unha actividade conxunta e se podemos colaborar cunha boa causa, é importante", afirma unha nadadora do Club de Natación Ordes.
"Participamos meu irmán e mais eu porque temos un par de amigos afectados e intentamos facer esta proba como mostra de solidariedade", conta outro participante.
"Un baño de auga fría a 10-12 graos a principios de ano axuda a reflexionar sobre o que supón enfrontarse á dureza dunha enfermidade onde o que importa é o apoio social, tamén o sociosanitario", subliña Damaris Domínguez, vogal de AGAELA.
Dous centenares de persoas ousaron botarse ao mar por unha boa causa: solidarizarse cos afectados pola esclerose lateral amiotrófica, unha doenza que precisa de máis investigación e recursos. A Asociación Galega de ELA atende máis de 160 familias.