Os cans de terapia chegan á Unidade de Psiquiatría do Hospital de Oza da Coruña
Trátase dunha ferramenta cada vez máis empregada polos seus beneficios terapéuticos, emocionais e sociais
Talía e Uva son dous cans de traballo seleccionados desde cachorros. Ambos os dous actúan como unha canle emocional que rompe o silencio e conecta con pacientes con trastorno mental grave do hospital de día.
"O que buscamos é a toma de decisións, que escollan se queren facer a actividade con Talía ou con Uva. Fomentar as habilidades sociais entre eles, a comunicación para mellorar no seu día a día", explica Lucía Lombardía, encargada e responsable das terapias asistidas de Candamin.
"O obxectivo é potenciar a autonomía das persoas a través dos cans", asegura Mercedes Seoane, terapeuta ocupacional do hospital de día.
É a primeira vez que na área sanitaria da Coruña, grazas á colaboración da Fundación María José Jove, se realizan este tipo de terapias, que naceron das necesidades que teñen os usuarios. E os beneficios non tardaron en chegar.
"Sobre todo, a participación e a mellorar as súas habilidades sociais", engade Lombardía.
"O contacto cun animal axuda moito. Axudan a potenciar unha relación porque, como din moitas persoas, eles non nos xulgan", conta Mercedes.
Estas sesións son semanais. O próximo mes van avaliar o programa e os seus resultados coa esperanza de lle poder dar continuidade.