Os bombeiros de Vilagarcía rescatan sen vida un can que caera nunha canteira abandonada
Baixaron 18 metros con cordas pola parede da canteira de Cea
Malia o esforzo dos equipos de emerxencias, o can morrera na caída
O can paseaba co seu dono á tardiña nas inmediacións dunha canteira abandonada de Vilagarcía. Por motivos que se descoñecen, o animal escapou e acabou caendo polo precipicio.
" Ao chegar vimos o lugar da caída, estaba a 18 ou 20 metros de altura, nun saínte da parede vertical desta canteira", explica Alén Pérez, bombeiro de Emerxencias de Vilagarcía.
Nun primeiro momento tentaron chegar ao can cunha escada desde a zona do lago. Pero, ao comprobar que non era posible, decidiron rescatalo desde o alto.
"O primeiro nestes casos é buscar anclaxes seguras e despois dous membros do equipo baixaron con cordas facendo rápel ata onde estaba o can"
A escasa luz que había no momento e o terreo esvaradío complicaron o rescate, que se prolongou durante máis de dúas horas. Malia o esforzo dos equipos de Emerxencias, o desenlace foi triste. O can, un pit bull de doce anos, morrera a consecuencia da caída.
"Sempre tentamos salvar a vida dos animais e das persoas, pero cando non é posible, polo menos tentamos entregar o corpo aos donos ou familiares"
Os bombeiros agardan que, polo menos, este vertixinoso rescate sirva para concienciar sobre o perigo que ten achegarse a canteiras abandonadas, onde un paso en falso pode custarnos a vida.
"Son instalacións industriais aínda que estean na entorno natural. Pode haber perigos que non vexamos, pozos, cantís esvaradíos...temos que ser cautos e evitar na medida do posible estas zonas"