O can é o protagonista do Salón de Animais de Compañía de Pontevedra
O evento acolle adestramento, probas de agility e un mercado con todo tipo de complementos e coidados para as mascotas
No mercado atopamos todo tipo de servizos e produtos para mascotas, un sector en auxe que se promociona con eventos como o Salón de Animais de Compañía que se celebra esta fin de semana en Pontevedra.
O salón abrangue todas as facetas que teñen que ver co coidado das mascotas. Comezando pola propia actividade física. Exercicios de axilidade e educación para desenvolver sobre todo as capacidades mentais do animal.
"Os cans necesitan traballar, pero sobre todo, máis que a actividade física, o que lles vén moi ben é traballar a súa habilidade mental", sinala Carlos Souto, presidente do club Diverticáns.
Clases prácticas de técnicas para educar os cans ou corrixir malos hábitos. Tamén probas deportivas que requiren máis que nada moito adestramento.
"Calquera can san, de calquera raza pode practicar 'agility'. Hai unhas razas con máis axilidade que outras, aos máis grandes cústalles máis determinados exercicios, pero todos poden", comenta Jasmina Bello, competidora de 'agility'.
Cada raza ten a súa estética. Hai algunhas que a explotan case coma modelos profesionais. Viven rodeados de glamour e luxo. Un nicho de mercado con cada vez máis adeptos.
"Cada vez a xente está máis implicada, e gústalle ter os cans guapos, como os donos, saír guapos á rúa", di Carolina Blanco, dependente dunha tenda galega de complementos de luxo para cans.
"Un sector aberto a novos emprendedores, para que inicien un negocio neste mundo, porque cada vez hai máis demanda deste tipo de produtos", apunta Sonia Míguez, directora deste salón de Pontevedra, que acada xa a terceira edición.
Coma un membro máis da familia, dáselles tamén a posibilidade de que participen de tradicións coma as uvas de fin de ano.
"Unha bolsiña con doce anaquiños (a base de carne de coello) para que eles participen tamén do momento (da toma das doce uvas na Noitevella)", explica Brenda Hermida, nunha tenda de lambetadas para cans e gatos.
Máis mascotas que nenos, din as estatísticas, que reflicten tamén unha realidade que non mingua: os abandonos.
"Oxalá non fósemos necesarios, pero mentres haxa xente que non considere que os cans non son xoguetes, que necesitan coidado e atención, pois aquí estaremos", láiase Gloria Cubas, presidenta da Asociación Os Palleiros, que recolle cans abandonados, o 30%, cans de caza.
Precisan do noso coidado e afecto, porque devolven multiplicado todo o que reciben.