Aumenta a oferta de produtos e servizos dirixidos ás mascotas
O mercado aproveita o aumento de fogares que conviven con animais de compañía
En España hai arredor de vinte millóns de mascotas
En practicamente a metade dos fogares hai polo menos unha mascota. Maggie é un galgo que acaba de empezar unha nova vida na Coruña. Atopámola nun centro comercial da cidade que vén de estrear unha nova tenda con máis de mil metros cadrados pensados por e para os animais.
"Estamos encantadísimas con Maggie. Leva unha semaniña connosco e cando a trouxemos non era capaz de dar nin un paso fóra do portal. Agora estamos en Marineda", comenta Lara, que adoptou a cadela en Madrid.
"É como un membro máis da familia e fainos moita compaña. Son animais que o dan todo a cambio de nada", recoñece un cliente da tenda.
O mercado interpreta ese amor incondicional e correspondido como unha oportunidade. Nos últimos anos a oferta diversificouse tanto que ás veces custa identificar a quen se dirixe o produto.
En España xa hai unhas 5.000 tendas físicas especializadas no coidado dos animais. Nesta queren vender, pero tamén concienciar e por iso colaboran con refuxios de animais para combatir o inxustificable.
En 2024 as protectoras recolleron máis de 290.000 cans e gatos abandonados.