Chega a hora de preparar a horta para o cebolo, as leitugas e os amorodos
Este ano a chuvia atrasou os cultivos en boa parte de Galicia
Os que poñen a horta aseguran que compensa pola calidade e o sabor, aínda que dea traballo
Chegou marzo e en canto parou a chuvia e a terra secou algo volve o traballo ás hortas. Acudimos ao mercado para ver que podemos ir colleitando nas próximas semanas.
Son case días de primavera pero con noites aínda frías e choivas que están por vir. Así é o mes de marzo e chegamos a el con moita humidade na terra así que de momento moitos dos produtos para a horta que nos ofrecen no mercado son para poñer a cuberto. Con todo, cebolo, porros, acelgas, leitugas e amorodos xa están na hora de plantar.
"Nesta época é o tempo das cebolas, do tomate e do pemento".
"Podes plantar chícharos, nabiña... De momento moito non".
"Co mal tempo que tivemos vai todo con atraso. Non se puido plantar. As cebolas xa se podían poñer en novembro pero non se puido".
A 10 euros anda o cento de cebolo, a 7 a ducia de tomates e pementos de Padrón e a dous a ducia de leitugas. Os que viñeron ao mercado compran para consumo propio e polo que din o gasto compensa sempre que a plantación vaia para arriba sen incidencias.
"Agora veñen os retirados e queren levar catro tomatiños e catro pemento para saber o que se come, porque hai tantos pesticidas e tantas historias que polo menos así comes natural", di unha vendedora.
"Compensar si que compensa, o caso é que dá traballo e ás veces tes que facer un investimento e despois mórreche. Pero paga a pena e á hora de comer".
"Non che é o mesmo ir coller unha leituga á horta ca mercala na praza, cambia ben o sabor. Eu non quero invernadoiro, eu poño todo ao aire".
Ao aire libre podemos tamén transplantar coliflor, repolo e brócoli de primavera. Todo depende da zona onde esteamos, os do sur e na costa poderán adiantarse mentres o resto se asegura de que non veña aínda algunha noite de xeada.