Somos conservadores na conserva: a inmensa maioría da que se consome en España segue sendo atún
O sector intenta convencer os compradores para que proben novas preparacións
No 98 por cento dos fogares hai conservas, e España exporta a 133 países
Non todo o peixe é atún, tampouco no supermercado. Pero os datos din que na conserva somos conservadores. A principal patronal do sector, Anfaco-Cytma, presentou o seu informe anual, que confirma as tendenzas dos últimos anos. A inmensa maioría das conservas que se producen en España son de atún, o 74 por cento do volume total, sumando todas as variedades.
Os seguintes produtos na listaxe están moi lonxe e algúns, a día de hoxe, teñen unha porcentaxe mínima no mercado.
"Son conservadora, máis ca de atún de ventrecha, que é o máis caro. Pero, si, eu son conservadora", di unha moza mentres fai a compra nun supermercado de Vigo.
"Eu, como moito, merco atún ao natural e pouco máis", engade outra clienta.
"Si, eu de conserva, o de sempre, non innovo", completa outra muller que está pagando na caixa.
Ao sector preocúpalle que, mentres, algúns produtos de máis valor apenas se venden. O polbo representa só un 0,18 % do mercado da conserva; as navallas menos, só o 0,09 do total.
"Estamos vendo que o consumidor adoita ir ao que máis coñece. E conservas innovadoras, como as de bacallau, que son espectaculares, non están a ter ese comportamento tan favorable", explica o secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Alonso.
"A min gústame probar cousas novas e en conservas hai distintos peixes con Omega 3, como o salmón, que antes non se vendía", asegura unha compradora.
"Eu tomo sardiñas, mexillóns e de cando en vez atún, é o que menos", apunta unha última consumidora.
Porque aínda que o atún segue mandando, os produtos que máis aumentan as vendas son outros clásicos, a sardiña e o mexillón. Con todo, o mercado mantense estable: no noventa e oito por cento dos fogares españois hai conservas e o sector exporta a 133 países de todo o mundo.