Os transportistas anuncian tres días de folga antes do Nadal
Protestan polo "estado de abandono" por parte do Goberno de España ao sector

O Comité Nacional do Transporte por Estrada, no seu departamento de Mercadorías, anunciou este mércores a convocatoria de tres días de cesamento de actividade, entre o 20 e o 22 de decembro, xusto antes do Nadal, en protesta polo "estado de abandono" por parte do Goberno de España ao sector.
O comité explicou que, tras varios anos de negociación ao redor do paquete reivindicativo, con temas como a prohibición de que os condutores realicen a carga e descarga dos camións, a non implantación de Euroviñeta, a aplicación obrigatoria da cláusula de revisión do custo do combustible e a construción de áreas de descanso seguras para os profesionais, a paciencia do sector esgotouse.
A iso súmase "a absoluta falta de sensibilidade" por parte dos seus clientes na presente conxuntura económica, quen se aproveitan da posición de dominio que lle concede a vixente regulación do contrato de transporte de mercadorías por estrada, que está a provocar incluso un enorme problema de falta de condutores profesionais, ante o trato degradante e inhumano nas condicións nas que realizan o seu traballo".
O comité sinalou, nun comunicado, que, por todo iso, vense obrigados "a convocar uns días de cesamento de actividade", entre as 24 horas do día 19 de decembro e as 24 horas do 22 de decembro, conflito que só podería evitar "un cambio radical e urxente" por parte de Goberno e clientes.