Publicador de contidos

Publicador de contidos

Multitudinarias concentracións en toda España, 200 en Galicia: "Ceuta non se vende, Ceuta deféndese"

Multitudinarias concentracións en toda España, 200 en Galicia: "Ceuta non se vende, Ceuta deféndese"

Na concentración de Madrid, milleiros de persoas piden a dimisión do presidente do Goberno

Foron convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que esixiu ao Goberno un financiamento extraordinario para facer fronte aos custos da crise en Ceuta

Unha participante na mobilización promovida por colectivos de estrema esquerda en Santiago que consideran racistas as concentracións da FEMP foi detida pola policía

Concentración en Madrid. EFE
G24.gal 02/09/2026 18:42 Última actualización 02/09/2026 21:23

Concentracións en toda España neste Día de Ceuta de apoio á cidade autónoma pola crise migratoria. Están convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). En Galicia sumáronse 200 concellos.

Nas concentracions leuse un manifesto no que a FEMP esixiu ao Goberno un financiamento extraordinario para facer fronte aos custos da crise en Ceuta, así como garantir o control da fronteira e o retorno "efectivo" e con garantías de migrantes, entre outros reclamos.

"Pedimos ao Goberno de España que reforce os medios do Estado en Ceuta, garanta a seguridade e o control da fronteira. Esiximos o retorno efectivo e con garantías de todos os que entraron ilegalmente no noso país: esa é a única forma de recuperar a normalidade", detalla o manifesto impulsado pola FEMP.

En Madrid acudiron á concentración milleiros de persoas, 50.000 segundo a Delegación do Goberno que reclamaron a berros a dimisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Os líderes do PP, Alberto Núñez Feijóo, que acusou o Goberno de estar "máis preto de Marrocos que do conxunto de España", e o de Vox, Santiago Abascal, que chamou "traidor" a Pedro Sánchez, sumáronse a esta mobilización. Nela, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, leu un manifesto en defensa da españolidade de Ceuta e da integridade territorial de España.

Manifestación en Ceuta. EFE Manifestación en Ceuta. EFE

En Ceuta, milleiros de persoas manifestáronse baixo o lema "Ceuta non se vende, Ceuta deféndese". Os participantes portaron numerosas bandeiras de Ceuta e de España, que encheron as rúas nunha xornada na que a cidade reclama respaldo ante a situación derivada da chegada masiva de migrantes.

200 concellos galegos sumáronse á convocatoria da FEMP

Galicia tamén saíu á rúa en sinal de apoio ao pobo de Ceuta. Celebráronse concentracións en 200 concellos para amosar a solidariedade coa poboación da cidade autónoma e reclamar solucións ante a crise migratoria.

 

Alfonso Rueda na concentración celebrada na Coruña. EFE Alfonso Rueda na concentración celebrada na Coruña. EFE

As concentracións da Coruña, á que asistiu o presidente da Xunta, e máis a de Vigo foron as máis multitudinarias das celebradas en Galicia.

Rueda pídelle o Goberno cambios, logo da "nefasta" xestión da crise

Cun lazo coas cores da bandeira de Ceuta na solapa, Alfonso Rueda, participou na lectura do manifesto en María Pita que fixo unha galega que vivíu na cidade autónoma. Rueda dixo que esta concentración debe servir para que os ceutís saiban que non están sós e de toque de atención ao Goberno. Acúsao dunha xestión "nefasta".

En María Pita, abarrotada e con bandeiras de España, escoitáronse insultos ao presidente do Goberno ao que lle pediron a dimisión pero tamén de apoio a Ceuta e aos seus habitantes.

Noutras cidades, tamén se secundaron protestas como a de Ferrol con presenza do seu alcalde, José Manuel Rey Varela, e membros da corporación e a participación, segundo o goberno local, dunhas 5.000 persoas na praza de Armas. 

Vox tamén estivo presente nas convocatorias das sete cidades.

Unha persoa detida na mobilización en Santiago contra as concentracións da FEMP

Varios centos de persoas participaron na mobilización en Santiago de Compostela, convocada por unha vintena de asociacións do ámbito da estrema esquerda, en condena da "reacción racista" ante a crise migratoria de Ceuta e o "terrible incremento" das accións deste carácter na cidade autonómica.

Esta manifestación tivo lugar unha hora antes das convocatorias promovidas pola FEMP, apoiadas principalmente por dirixentes de PP e Vox. Pola súa banda, esta mobilización contra o racismo contou co apoio do BNG, Movemento Sumar Galicia e Compostela Aberta, alén de entidades como o Foro Galego de Inmigración e SOS Racismo Galicia.

Nunha das entradas da praza do Obradoiro a policía detivo unha das participantes nesa mobilización, que pretendía entrar onde se estaba celebrando a concentración da FEMP en apoio de Ceuta. A policía custodiou as entradas da praza para evitar incidentes por parte de persoas que acusaban de racismo as manifestacións en apoio a Ceuta e pretendían interrumpir o acto.

Axentes da policía impediron a entrada no Obradoiro de participantes na concentración promovida por diversos colectivos de estrema esquerda (TVG) Axentes da policía impediron a entrada no Obradoiro de participantes na concentración promovida por diversos colectivos de estrema esquerda (TVG)

Incidentes tamén en Lugo

A policía tivo que intervir tamén no remate da concentración celebrada diante do concello de Lugo para que os incidentes non foran a máis. Un pequeno grupo de persoas increpou, tamén con acusacións de racismo, os participantes na mobilización promovida pola FEMP. Nela participaron unhas 2.000 persoas, entre elas a alcaldesa Elena Candia (PP).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade