Os socorristas advirten do perigo dos colchóns inchables dos nenos
Son desprazados facilmente polas correntes fóra da zona de baño
Cómpre que os usen coa supervisión dun adulto
Veñen días de calor e praia, pero ata dentro dun mes non haberá socorristas nin boias marcando a zona de baño. Así que moito coidado, sobre todo cos nenos. Recorden que unicornios, flamengos, donuts e demais inchables máis que un salvavidas, poden ser un perigo.
"As correntes poden afastalos e despois os cativos poden poñerse nerviosos. Tíranse a nadar, pode ser perigoso e hai que facer un rescate", explica a presidenta da Federación de Socorristas de Galicia, Nuria Rodríguez.
Con ou sen inchable cómpre non quitarlles ollo na auga, poden caer boca abaixo e afogar en segundos. Tamén é importante entrar de xeito gradual para evitar cortes de dixestión e mellor tamén non tirarse de cabeza.
"Coa marea non sabemos a profundidade nin se hai rochas, por iso nós sempre pedimos que non se tiren de cabeza", advirte Nuria.
Os que vexan alguén en perigo teñen que chamar ao 112 e os que estean en apuros no mar deben evitar nadar contracorrente.
"Hai que ir a favor da corrente sempre que podamos, para non esgotarnos, ou deixarnos levar porque a corrente nos acabará sacando ás beiras da praia", engade Nuria.
Consellos dos expertos para entrar con bo pe nunha tempada de baño que este ano se adianta ao mes de maio.