Publicador de contidos

Publicador de contidos

A redución da xornada centrou as demandas dos sindicatos en Galicia: "Non vivimos só para traballar"

A redución da xornada centrou as demandas dos sindicatos en Galicia: "Non vivimos só para traballar"

Vigo acolleu os actos principais das diferentes centrais sindicais, que contaron coa presenza de dirixentes do BNG e o PSdeG

"Protexer o conquistado, gañar futuro", CCOO e UXT piden ademais endurecer o despedimento

Imaxe da manifestación de CC.OO. e UXT este xoves 1 de maio en Vigo (Javier Vázquez/Europa Press) Imaxe da manifestación de CC.OO. e UXT este xoves 1 de maio en Vigo (Javier Vázquez/Europa Press)
G24.gal 30/04/2025 18:25 Última actualización 01/05/2025 22:38

Milleiros de persoas manifestáronse na mañá deste xoves 1 de Maio en Vigo, cidade elixida polos principais sindicatos para realizar as súas protestas centrais en Galicia deste Día Internacional dos Traballadores, onde a principal reivindicación foi a redución da xornada laboral: "Non vivimos só para traballar".

Un ano máis, UXT e Comisións Obreiras convocaron unha manifestación conxunta, mentres que a CIG fixo o propio por separado e media hora despois, concentrando cada unha delas a miles de persoas polas rúas da urbe olívica nun día asollado en Vigo.

En concreto, UXT e CC.OO. partiron minutos despois das 11:30 horas do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, percorrendo algo máis dun quilómetro ata a Delegación da Xunta en Vigo.

Pola súa banda, a CIG comezou a súa protesta sobre as 12:00 horas uns metros máis arriba, no cruzamento de Gregorio Espino con Urzáiz, camiñando máis dun quilómetro e medio ata a Porta do Sol.

Os sindicatos CC.OO. e UXT reivindican este xoves 1 de maio, Día Internacional das Traballadoras e dos Traballadores, unha redución da xornada laboral. Pola súa parte, a CIG e a CUT centran as súas mobilizacións na denuncia das guerras e os seus efectos sobre a poboación.

Reclamacións laborais: redución a 37,5 horas semanais

CC.OO. e UXT convocaron manifestacións conxuntas en varias localidades galegas, aínda que todas as centrais concentran os seus actos principais en Vigo. Os secretarios xerais en Galicia de CC.OO. e UXT, Amelia Pérez e Cristóbal Medeiros, subliñaban a relevancia desta xornada.

A manifestación contou tamén coa presenza do líder dos socialistas galegos. José Ramón Gómez Besteiro subliñou os avances en materia laboral dos últimos anos baixo o goberno de Pedro Sánchez.

Besteiro reivindicou a necesidade de "seguir avanzando para conquistar novos dereitos" e acusou ao PP e á Xunta de "desaproveitar a oportunidade" para crear emprego en Galicia.

CCOO e UXT apoian a proposta de reducir a xornada laboral semanal a 37,5 horas, medida que esperan ver tramitada no Congreso dos Deputados. Pérez sinala que, despois de corenta anos con xornadas de 40 horas, hai probas de que esta redución pode mellorar a produtividade.

Medeiros engade que tamén é unha cuestión de dignidade e que axudaría a crear emprego.

Denuncia contra as guerras e o gasto militar

A CIG organizou 17 manifestacións en toda Galicia. O seu acto central foi tamén en Vigo, co lema “Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras”.

O seu secretario xeral, Paulo Carril, denuncia que o capitalismo neoliberal, liderado polos Estados Unidos, utiliza a guerra e o gasto militar para perpetuar a explotación.

Critica que a OTAN promova o incremento do gasto bélico e que a Unión Europea, “sometida” aos intereses estadounidenses, priorice a industria armamentística fronte aos dereitos sociais, o que, segundo o sindicato, favorece o ascenso da extrema dereita.

 

Imaxe da manifestación da CIG en Vigo

Na manifestación da CIG participou o deputado do BNG Néstor Rego. Dixo que xornadas coma esta deben servir para reclamar máis dereitos e medidas fronte a un Goberno central que, según dixo, non derogou cuestións fundamentais da reforma laboral do PP. Acusou ademais ao Executivo de non ter vontade de avanzar na redución da xornada laboral. 

Nunha liña similar, a CUT convocou mobilizacións en varias cidades galegas co lema “Traballo digno. Non á guerra imperialista da UE e da OTAN”. O sindicato manifesta a súa oposición ás políticas belicistas e defende os dereitos laborais e sociais fronte ao aumento do investimento en armamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade