Feijóo esixe a Sánchez que se "renda" ante a democracia na manifestación contra as políticas do Goberno
Feijóo esixe a Sánchez que se "renda" ante a democracia na manifestación contra as políticas do Goberno
A manifestación á que asistiron milleiros de persoas este domingo en Madrid ten como lema "Mafia ou democracia"
O líder do PP reclámalle a Sánchez que convoque eleccións e engade que está listo para remudalo
Feijóo estivo arroupado nesta manifestación polos líderes autonómicos e tamén polo expresidente José María Aznar
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, logra unha participación multitudinaria na protesta deste domingo na praza de España de Madrid contra as políticas do Goberno de Pedro Sánchez. A de este domingo é a sexta manifestación que convoca contra o Goberno de Pedro Sánchez nos últimos dous anos e a primeira coa corrupción como eixe, xa que as cinco anteriores motivounas a amnistía.
A manifestación ten como lema "Mafia ou democracia" e o presidente do PP fixera un chamamento a secundala para que prenda unha "rebelión cívica" contra a demolición "premeditada" do Estado de dereito que, ao seu xuízo, pretende realizar a dirección do PSOE.

Segundo o líder do PP, Sánchez "non urdiu só unha trama de corrupción", senón dúas, a segunda "para tentar tapalo con chantaxes e ameazas mafiosas", en referencia á presunta "guerra sucia" dos socialistas contra a UCO.
Diante de miles de manifestantes, Alberto Núñez Feijóo, dixo estar listo para substituír o presidente:
"España está preparada e eu estou listo. Só falta que Sánchez atope a coraxe para poñer as urnas e preguntar aos españois", dixo Feijóo.
No seu discurso diante dos manifestantes, o líder popular tamén lle esixiu a Sánchez que se "renda" ante a democracia.
"Réndase á democracia. Convoque eleccións, querémolas xa, porque ninguén o votou para isto", clamou Feijóo
No discurso tamén se mostrou disposto a "liderar a revolución da decencia e a liberdade" e no que foi aclamado reiteradamente entre berros de "Sánchez, dimisión".

O Partido popular calcula que na praza de España de Madrid estaban unhas 100.00 persoas e o Goberno calcula a metade.
Máis aló das diferenzas no cómputo do número de participantes, a protesta parece ser a máis multitudinaria das seis que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, organizou contra o Goberno desde que é presidente deste partido, varias das cales foron contra a lei de amnistía

Ayuso: "Cando a democracia popular suplanta a liberdade éntrase en ditadura"
Canda Feijóo interviñeron desde a tribuna a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, afirmou que cando a "democracia popular suplanta a liberdade éntrase en ditadura" e criticou que "na España de Sánchez" o que discrepa "está acabado, sexa do partido que sexa, sexa un xornalista, un artista ou un cidadán anónimo".
Nun discurso dirixido ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a xefa do executivo madrileño agradeceu ao líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, convocar esta concentración porque para ela o que se está "vivindo é inédito", polo que pediu aos asistentes que nada lles "sexa indiferente".

Alberto Núñez Feijóo estivo arroupado nesta manifestación pola maioría dos líderes populares autonómicos e tamén polos expresidentes José María Aznar e Mariano Rajoy.

Rueda volve pedir a Sánchez que convoque eleccións polo "ben" de España: "Así non podemos seguir"
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, desprazouse a Madrid para participar na manifestación contra do Goberno de Pedro Sánchez. Alí Rueda volveu pedir ao presidente do Goberno central que convoque eleccións por "o ben" de España.
Rueda incidiu en que España "así non pode seguir".
"Un Goberno que non é capaz de aprobar orzamentos, de aprobar unha lei, de aprobar medidas. Cada día está cercado por máis casos de corrupción, por escándalos que non explican. É un Goberno insostible", afirmou.
Por todo iso, Rueda pediu "deixar aos españois que falen" e, "polo ben de España", que empece unha "nova época".
A concentración de Madrid, tamen acudiu a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, acompañando aos máis de 7.000 galegos, segundo fontes do PPdeG, que se desprazaron ata a capital de España.
As delegacións provinciais do PP fretaron autobuses para miles de militantes simpatizantes doutras comunidades
As delegacións territoriais do PP fretaron autobuses para que miles de militantes e simpatizantes do partido doutras comunidades autónomas se manifesten cos madrileños.

Feijóo convocou a primeira manifestación contra Sánchez en setembro de 2023
Feijóo está á fronte do PP desde abril de 2022 e convocou a primeira protesta contra o Goberno de Sánchez en setembro de 2023, cando o líder socialista gobernaba en funcións e negociaba un acordo parlamentario con Junts, que congregou 40.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno, e 60.000, segundo o partido.
Máis numerosa foi outra manifestación contra a amnistía en novembro dese ano, na Porta do Sol, na que o PP convocou xunto a outros partidos, como Vox; mentres que a terceira, en decembro, no templo de Debod, foi bastante menos secundada.
No mesmo escenario que hoxe, na praza de España, tivo lugar a cuarta manifestación, tamén contra a amnistía, cando faltaban dous días para a súa primeira votación no Congreso, o 28 de xaneiro de 2024, con 45.000 participantes, segundo a Delegación, que o partido elevou a 70.000, nun día solleiro de inverno.
O 26 de maio de 2024 foi a quinta manifestación. Esta, con menos participación, foi na porta de Alcalá, en vésperas da aprobación definitiva da amnistía tras pasar a lei polo Senado; polo tanto, hai máis dun ano que Feijóo non participa nunha manifestación contra o Goberno convocada polo PP.
.png)