Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Supremo sitúa o fiscal xeral a un paso do banco dos acusados pola presunta filtración contra a parella de Ayuso

O Supremo sitúa o fiscal xeral a un paso do banco dos acusados pola presunta filtración contra a parella de Ayuso

A Sala de Apelación avala a decisión do instrutor do caso de procesalo por un delito de revelación de segredos

O fiscal xeral non sopesa dimitir tras o aval do TS ao seu procesamento pola filtración contra a parella de Ayuso

Sánchez traslada o seu apoio ao fiscal xeral ante o seu inminente procesamento

Feijóo esixe a dimisión inmediata do fiscal xeral: "non pode seguir nin un minuto máis"

García Ortiz, nunha imaxe de arquivo García Ortiz, nunha imaxe de arquivo
G24.gal 29/07/2025 14:05

O Tribunal Supremo (TS) apoiou a decisión do maxistrado Ángel Hurtado de procesar o fiscal xeral Álvaro García Ortiz por un presunto delito de revelación de segredos, polo que as acusacións piden ata 6 anos de cárcere, pola filtración sobre a investigación por delitos fiscais contra Alberto González Amador, o noivo da presidenta da Comunidad de Madrid Isabel Díaz Ayuso.

Malia todo, non ve acreditado que García Ortiz actuase por indicacións de Presidencia do Goberno.

A Sala de Apelación, conformada neste caso polos maxistrados Andrés Palomo, Eduardo de Porres e Julián Sánchez Melgar, desestimou o recurso presentado pola Avogacía do Estado, en representación de García Ortiz, pero por maioría, xa que Palomo emitiu un voto particular.

En cambio, estimaron por unanimidade o recurso da xefa da Fiscalía Provincial de Madrid Pilar Rodríguez, á que levanta o procesamento, polo que queda fóra da causa.

Os tres recursos dirixíanse contra o auto asinado o pasado 9 de xuño por Hurtado, no que propuxo xulgar a García Ortiz e a Rodríguez. Tras esta decisión, o instrutor poderá avanzar cara á apertura do xuízo oral e sentar a García Ortiz no banco dos acusados.

Hurtado puxo fin a oito meses de investigación que empezaron por mor da causa aberta polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) pola nota de prensa que a Fiscalía emitiu ás 10:20 do 14 de marzo de 2024 para desmentir o que consideraba un bulo, en alusión ao publicado a noite anterior, ás 21:29, por El Mundo, en que se dicía que se ofrecera un pacto a González Amador, e non ao revés, no marco do caso que acabou con el procesado por delitos fiscais.

Cando o caso saltou ao TS, encausou o fiscal xeral por un delito de revelación de segredos pero descartou a entidade delituosa da dita nota de prensa. A pesar diso, Hurtado indagou nese comunicado e noutras dúas filtracións: a da existencia dunha investigación fiscal contra González Amador e a do email que a súa defensa enviou o 2 de febreiro de 2024 á Fiscalía ofrecéndose a recoñecer os delitos a cambio de chegar a un acordo de conformidade.

Hurtado, no seu auto de procesamento, centrouse na filtración dese email. Para o maxistrado, cabe presumir que García Ortiz llo facilitou á Cadena SER a noite do 13 de marzo para que lle dese publicidade.

O instrutor explicou que, para chegar ata ese email, esa noite García Ortiz entrou nunha dinámica dun frenético intercambio de comunicacións entre distintos fiscais, incluída Rodríguez, quen finalmente conseguiu do fiscal do caso Julián Salto a cadea completa de emails e lla reenviou ás 21:59 horas ao xefe do Ministerio Público para preparar unha resposta e deixar ben claro que a Fiscalía non ofrecera ningún pacto.

O fiscal xeral non sopesa dimitir 

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, non se plantea dimitir, despois de que o Tribunal Supremo avalase o seu procesamento por unha presunta revelación de segredos contra Alberto González Amador.

O xefe do Ministerio Público mantense firme na decisión que adoptou o pasado 16 de outubro, cando o Supremo lle encausó polas presuntas filtracións ao redor da investigación contra González Amador por delitos fiscais.

Sánchez trasládalle o seu apoio 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou o seu respaldo ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.

"Cremos na súa inocencia", afirmou.

Nunha comparecencia ante os medios no Palacio de Marivent tras o despacho estival co Rey Filipe VI asegurou que García Ortiz "conta co aval e o apoio do Goberno de España".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade