Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Protexer o conquistado, gañar futuro", CCOO e UXT piden ademais endurecer o despedimento

"Protexer o conquistado, gañar futuro", CCOO e UXT piden ademais endurecer o despedimento

Os dous principais sindicatos españois piden fortalecer as propostas "de presente e futuro"

(EFE/Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 01/05/2025 08:00 Última actualización 01/05/2025 16:32

Os sindicatos saironn á rúa neste primeiro de maio para celebrar o Día do Traballo con varias reivindicacións, especialmente a redución da xornada laboral máxima legal ás 37,5 horas semanais.

Os dous maiores sindicatos, CCOO e UXT, convocaron máis de 80 manifestacións en todo o Estado, sendo a principal a que encabezan en Madrid os seus secretarios xerais, Unai Sordo e Pepe Álvarez, que percorreu desde o mediodía a Gran Vía da capital terminando cun mitin na Praza de España.

Baixo o lema "Protexer o conquistado, gañar futuro", saíron á rúa co obxectivo de poñer en valor o conquistado para fortalecer as propostas de presente e futuro, entre as que se fixan a redución semanal da xornada e a reforma do despedimento.

O secretario xeral de CCOO facía fincapé, antes do inicio da manifestación, na necesidade de "protexer o logrado como campo base para seguir ampliando dereitos".

Pola súa parte o líder da UXT, poñía o foco na redución da xornada laboral e pedía aos grupos parlamentarios que non impidan a súa tramitación. Ademais pedía unha suba xeral dos salarios: "Teñen que subir, as empresas estanse forrando", afirmaba Álvarez.

CCOO e UXT emprazan ao Goberno para aprobar o proxecto de lei para reducir a xornada, algo que estaba previsto levase a cabo esta semana pero que finalmente se aprazou ao próximo martes tras o apagamento eléctrico. Os líderes das dúas centrais cren que sería "fraude de lei" non aprobala.

Durante o mitin de fin de manifestación, Unai Sordo considerou "lexítimo" que cada grupo parlamentario aborde "como considere" a redución da xornada ata as 37,5 horas semanais, pero o líder de CCOO advertiu de que coartar o seu debate nas Cortes mediante unha emenda á totalidade "sería unha fraude democrática de primeira magnitude".

"Claro que os grupos teñen a súa lexitimidade", dixo Sordo, pero lembrou que os sindicatos tamén a teñen, recoñecida na Constitución e "avalada polo voto dos traballadores, que dá tanta lexitimidade como a do resto de partidos e institucións".

Pola súa banda, Álvarez considerou "irrenunciable" reducir a xornada desde as 40 horas nas que se fixou hai máis de 40 anos ata as 37,5 horas e advertiu aos partidos de que se impiden o debate "imos perseguirlos para lembrarllo".

Ambos instaron ao Goberno para regular o despedimento, "porque nos están sacando as cores en Europa". "Hai que evitar que sexan recursos sistemáticos das empresas para axustarse a ciclos, pero ás veces tamén para exercer violencia sobre os traballadores", dixo Xordo.

"Non se pode despedir porque se quere, nin pagar unha miseria polo tempo que levas traballando, ten que haber máis condicionantes", apuntou Álvarez.

Tamén lembraron a necesidade de seguir subindo salarios e de sacar adiante unha reforma da lei de seguridade e saúde laboral, que leva meses de negociación na mesa de diálogo social, e lembraron que o ano pasado o número de falecidos no traballo aumentaron un 10 %.

O líder uxetista reclamou á esquerda "unidade" para non romper "un ciclo de conquistas" e ante a "internacional do odio e fascista que quere destruír todo o conseguido".

Así, ambos os sindicalistas, viron necesario "levantar a vista" e falar tamén do que consideraron "o maior risco reaccionario que viviron España, Europa e o mundo desde o final da II Guerra Mundial".

Nesta xornada, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, quixo compartir unha publicación nas redes sociais.

 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, publicou tamén unha mensaxe en redes aseghurando que "defender o traballo digno, a igualdade e os dereitos sociais" foron sempre a bandeira do PSOE.

 

A redución da xornada aprobarase no Consello de Ministros o próximo martes

Na manifestación estivo presente a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, quen asegurou que a redución da xornada "non ten marcha atrás" e pedía ás formacións políticas que "estean á altura". "Hai produtividade suficiente para traballar menos e vivir mellor", concluía Díaz.

Díaz asegurou que o proxecto de lei para reducir a xornada vaise aprobar a semana próxima no Consello de Ministros. Sinalou que esta medida -que aínda non conta co apoio dos grupos parlamentarios suficientes para saír adiante- beneficiará a uns 12 millóns de persoas traballadoras en España e instou ao PP para mellorar a vida dos españois cos seus votos no Congreso.

"É necesario saber para que serven os 137 deputados do PP", afirmou Díaz, que dixo non perder a esperanza de que volva a moderación nun Partido Popular. Sobre a posibilidade de obter o apoio de Junts a esta medida, precisou que seguen traballando neste sentido e considerou que "hai marxe de negociación".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade