Publicador de contidos

Publicador de contidos

Milleiros de persoas reclaman na rúa o peche de ENCE e a paralización de Altri

Milleiros de persoas reclaman na rúa o peche de ENCE e a paralización de Altri

Ana Pontón insta a Rueda a "escoitar o clamor de Galicia" e reclama "un modelo industrial do século XXI"

Os convocantes rexeitan un modelo de industrialización irracional que consideran "depredador e insostible"

Altri e Ence, dous proxectos que xeran debate

Cando a cabeza chegou a ENCE aínda saía xente de Pontevedra. EFE/Salvador Sas Cando a cabeza chegou a ENCE aínda saía xente de Pontevedra. EFE/Salvador Sas
G24.gal 01/06/2025 13:33 Última actualización 01/06/2025 17:49

Milleiros de persoas manifestáronse este domingo en Pontevedra e Marín contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra e contra o proxecto que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei.

A tradicional marcha, que se celebra cada ano, "adquiriu un significado especial" ao ser convocada por primeira vez de xeito coordinado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Plataforma A Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra.

Os manifestantes, encabezados por unha pancarta baixo o lema "Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa. Celulosas fóra!", entoaron cánticos como "fóra da ría esa porcallada" ou "a ría é nosa e non da celulosa" e portaron bandeiras e camisetas co lema de "Altri Non".

A marcha saíu de xeito simultáneo de Marín e de Pontevedra. EFE/Salvador Sas

Sobre as 12:00 horas a marcha partiu simultaneamente das alamedas de Pontevedra e Marín e finalizou diante da fábrica de Ence, en Lourizán. Unha vez na factoría -a cabeza chegou sobre as 13:30 horas e a cola aínda saía da cidade do Lérez- os convocantes leron un manifesto.

Neste contexto, remarcaron a loita contra un "modelo de industrialización irracional, que prima os intereses duns poucos" fronte á "defensa do medio, da terra, da economía e da saúde das persoas".

Un ano máis volveron lamentar, en referencia a ENCE, que esa planta de "celulosa rouba o mellor dos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e das praias urbanas".

EFE/Salvador Sas EFE/Salvador Sas

"Experiencia xudicial"

Durante a lectura, puxeron sobre a mesa que a ampla "experiencia xudicial" de Pontevedra na loita contra a fábrica de ENCE servirá para "facerlle fronte" a ambos os dous proxectos industriais.

Así mesmo, lembraron que, nos últimos días, o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de amparo do concello de Pontevedra contra a sentenza do Supremo que avalou a prórroga, ao entender que "podería afectar a un dereito fundamental".

"Esta decisión", continuaron os convocantes, podería levar á revisión da sentenza e "abrir unha porta" á nulidade da prórroga. Antes de arrincar a marcha, Alfredo Otero, en representación de PDRA asegurou que o que queren son unhas rías "sas e produtivas".

"Ningunha empresa por moito beneplácito político que teña da Xunta merece arruinar un río como o Ulla e un paraíso como a ría de Arousa", esgrimiu.

Os convocantes reclamaron "un país libre de celulosas".

Os convocantes leron un manifesto diante da factoría. EFE/Salvador Sas

"Clamor contra estes proxectos"

Na manifestación participou a voceira nacional do BNG. Ana Pontón, instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "escoitar o clamor que hai en Galicia tanto para que Ence se vaia da ría de Pontevedra como para evitar a bomba ambiental da macrocelulosa de Altri".

Así mesmo, reclamou "un modelo industrial do século XXI e industria de futuro, non empresas que non queren en Portugal".

"En 1963 impuxeron Ence en Pontevedra e agora en pleno 2025 queren impoñernos Altri no corazón de Galicia. Non o imos permitir, estamos a ver que en Galicia hai un clamor contra estes proxectos e que queremos industria de futuro que coide o noso medio ambiente e non que se instalen as empresas que non queren en Portugal", aseverou Pontón.

EFE/Salvador Sas EFE/Salvador Sas

Na mobilización tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen instou a "non deixar de loitar" por recuperar a ría fronte á "peste" que supón ENCE e para "evitar que siga contaminando outros 70 anos máis".

Do mesmo xeito, houbo presenza de cargos públicos socialistas, como o deputado Guillermo Meijón, e o líder do PSOE local, Iván Puentes, de diferentes colectivos ecoloxistas e veciñanza de varias localidades galegas que, en moitos casos, viaxaron en autobús ata a cidade do Lérez.

EFE/Salvador Sas EFE/Salvador Sas
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade