Os cinco bombeiros feridos en Barreiros, en estado grave; o lume, xa estabilizado, queimou 80 hectáreas
Os cinco bombeiros feridos en Barreiros, en estado grave; o lume, xa estabilizado, queimou 80 hectáreas
O parte do CHUAC sinala que todos eles sofren queimaduras de segundo grao, con prognóstico grave
O lume mantivo cortada este domingo a A-8 e a primeira hora deste luns a N-634, pero xa se circula con normalidade
O incendio que se declarou o domingo pola tarde en San Xusto de Cabarcos, no concello lugués de Barreiros, queimou xa 80 hectáreas, segundo os últimos datos de Medio Rural, e está xa estabilizado.
O lume, que deixou cinco bombeiros da brigada helitransportada de Castromaior feridos, obrigara a cortar un treito de dez quilómetros na A-8 na zona do alto do Fiouco. Este luns tamén permaneceu cortada a primeira hora a N-634, pero xa se circula con normalidade por todas as estradas da zona.
Malia todo o lume segue activo, con dous focos. A chegada da chuvia nesta xornada está a axudar nos labores de extinción, logo das complicacións vividas desde a tarde do domingo.
Medio Rural mobilizou para a extinción 23 axentes, 31 brigadas, 27 motobombas, catro pas, catro técnicos, dúas unidades técnicas de apoio, sete helicópteros e tres avións. Tamén chegaron desde Asturias efectivos da BRIF.
ESTABILIZADO o #IFSanXustoCabarcosBarreiros
— incendios 085 (@incendios085) September 15, 2025
Os cinco bombeiros feridos quedaron atrapados polas lapas nun cambio brusco de vento e, segundo relatou unha testemuña, tiráronse ao río para salvar a vida. Tiveron que ser trasladados á unidade de queimados do CHUAC.
Queimaduras de segundo grao con prognóstico grave
O último parte médico sinala que todos eles sofren queimaduras de segundo grao, con afectacións que oscilan entre o 5 % e o 25 % do corpo e con prognóstico grave.
Un brigadista de 24 anos ten queimaduras de segundo grao, cun 25 % do seu corpo afectado, e intoxicación por inhalación de fume.
Outro compañeiro de 25 anos sofre queimaduras de segundo grao nun 15 % do seu corpo. Hai tamén un brigadista de 24 anos con queimaduras de segundo grao e afectación do 10 % do corpo. Outros dous, de 29 e 27 anos, tamén teñen queimaduras de segundo grao, un deles nun 8 % do seu corpo e o outro nun 5 %.