Catro persoas trasladadas ao hospital por un incendio nun edificio de Santiago
Varios veciños comunicáronse co 112 ao verse “atrapados” nas súas casas pola presenza de fume nas escaleiras
En total foron atendidas 11 persoas
O incendio, que se produciu de madrugada nun edificio de oito andares, obrigou a confinar os veciños; todos puideron volver xa ás súas casas
Un incendio que se declarou a pasada madrugada fixo necesario confinar os veciños dun edificio de oito andares de Santiago de Compostela mentres os bombeiros levaban a cabo traballos de ventilación, unha vez controlado o lume.
Catro persoas tiveron que ser trasladadas a centros sanitarios da cidade. Varios veciños tamén se comunicaron co 112 ao verse atrapados nas súas casas pola presenza de fume nas escaleiras. Algúns optaron por desaloxar o inmoble de maneira preventiva.
O suceso tivo lugar nun edificio da rúa Santiago de Chile. O lume, segundo as primeiras informacións, puido comezar na cociña dunha das vivendas polo incendio dun frigorífico.
Ao lugar do incidente foron enviados unha ambulancia do SVA de Emerxencias Sanitarias de Galicia-061, unha ambulancia sanitaria do SVB de Emerxencias Sanitarias de Galicia-061 e persoal de saúde do PAC de Santiago.
En total atenderon once persoas afectadas polo fume das que catro delas, tres delas de máis de 70 anos, tiveron que ser trasladadas ao hospital. En concreto, un home de 73 anos e unha muller de 70 foron derivados ao Hospital A Rosaleda; mentres que unha muller de 53 e unha de 79 foron derivadas ao Hospital Clínico de Santiago.
Tamén se desprazaron ao lugar os bombeiros de Santiago, a Policía Nacional e Local así como efectivos de Protección Civil.
Unha vez controlado o incendio e ventilado o edificio, todos os residentes puideron regresar ás súas vivendas.

Segundo confirman os bombeiros, a cociña afectada ardeu por completo, mentres que o resto da casa sufriu danos polas altas temperaturas.