Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alertan do aumento do mercado negro de fármacos

Alertan do aumento do mercado negro de fármacos

Os máis demandados son os medicamentos para perder peso, como Ozempic, e os potenciadores sexuais

Estas redes están ligadas e usan as mesmas canles que as organizacións do narcotráfico

 

G24.gal 05/11/2025 14:52 Última actualización 05/11/2025 15:13

A oferta é infinita. A demanda, cada vez maior. 

"Os que son hipoglicemiantes que están relacionados coa baixada de peso rápido, como o famoso Ozempic, son o 'hit' pero no mercado das falsificacións tamén hai psicótropos e produtos para a disfunción eréctil", explica Braulio González, vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos de Lugo.

"Se ben hai uns anos se distribuían a través de empresas, herbolarios ou ximnasios, hoxe case todo é por venta en liña", confirma Xosé Luís Raposo, xefe da Unidade de Delincuencia Organizada da Garda Civil de Lugo.

Solucións rápidas para adelgazar ou potenciadores sexuais a golpe de clic que, aínda no caso de que funcionen, poden saír demasiado caros.

"Teñen o problema de que non teñen o control nin teñen ningún tipo de seguridade, nin información sobre o produto que se vai mercar. Teñen riscos que fan que non todo o mundo debera acceder a eles, sobre todo, problemas cardíacos", advirte Braulio Gómez.

Un dos últimos alixos apareceu, case de casualidade, en Becerreá. A Garda Civil detivo un individuo que levaba o coche cargado de maletas con medicamentos, a maioría con efectos afrodisíacos. A procedencia, a saber!

"A maior parte desa medicación viña de Colombia e algúns foran retirados e prohibidos polas autoridades de Colombia, polo que é posible que parte do excedente viñera para España. Outros son falsificacións que veñen de países asiáticos e mesmo de África e hai outros que teñen compoñentes moi opacos", engade o xefe da EDOA.

Detrás, organizacións ligadas ao narcotráfico. 

"Estanse usando as mesmas canles de introdución de drogas dos narcos. Veñen traer fármacos dos países do leste e levan de aquí a cocaína", constata Raposo.

O mercado negro dos medicamentos medra a ritmo de vertixe porque os beneficios son moi altos e as penas moito máis baixas que as da droga.
Calcúlase que pode mover uns 300.000 millóns de euros ao ano. 

"Na operación Pangea, clausuráronse ata 139.000 webs e incautaron preto de 23 millóns de dólares en efectivo", incide o xefe da EDOA de Lugo.

Un enorme She In de fármacos, cuns produtos falsificados, outros caducados, e todos eles sen o máis mínimo control, o que vén sendo unha bomba!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade