Dous intoxicados por inhalación de monóxido de carbono nun bar de Melide
Os intoxicados son os donos do local, un mozo e unha moza que non chegan aos 30 anos
Foron trasladados de urxencia ao CHUS de Santiago
A causa foi un xerador eléctrico que deixaron funcionando toda a noite
Sucedeu nun local de hostalería situado na Avenida da Habana de Melide, sobre as 10:30 da mañá do domingo. Os intoxicados por monóxido de carbono son os dous propietarios do local, unha muller e un home que non chegan á trintena. Deixaron un xerador eléctrico funcionado toda a noite no soto do local, que non ten ventilación. Cando entraron pola mañá, a acumulación de gas fixo que o home quedara inconsciente de xeito case inmediato. A muller puido subir polas escaleiras e dar a voz de alarma.
"Ao parecer tiñan problemas co fluído eléctrico e deixaron un xerador traballando toda a noite. Cando chegaron pola mañá, a condesación de gases que había alí, de monóxido de carbono, foi o que lles afectou a eles. Sorte que a rapaza puido saír á rúa a pedir auxilio, e precisamente un veciño dos que estaba alí en fronte, que rexenta unha librería, foi o que avisou ao 112", explica o xefe de Protección Civil de Melide, Juan Carlos Curros.
Os dous feridos foron trasladados en helicóptero e ambulancia ao Hospital Clínico Universitario de Santiago. Varios membros dos efectivos de emerxencia tamén tiveron que ser atentidos no PAC de Melide por inhalación de gases.
Unha das persoas intoxicadas foi evacuada en helicóptero