Publicador de contidos

Publicador de contidos

A cociña do HULA traballa para que os pacientes coman nas festas coma na casa

A cociña do HULA traballa para que os pacientes coman nas festas coma na casa

O medio milleiro de persoas ingresadas no hospital nas datas sinaladas do Nadal poderán desgustar lagostinos, rodaballo, cordeiro ou capón

Traballadoras na cociña industrial do HULA
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 16/12/2025 14:02

Con 1.700 metros cadrados e 130 traballadores, a do HULA é a maior cociña de toda a provincia de Lugo. Aquí levan xa meses traballando para preparar os menús especiais de Nadal que van degustar as persoas ingresadas durante as festas. Haberá dende lagostinos ou rodaballo ata capón ou cordeiro, con pratos sempre adaptados para cada paciente.

"É unha carreira de fondo. Nós empezamos en outubro a darlle forma ao que queriamos e calcular canta xente podiamos ter para facer pedidos e poñernos en contacto cos provedores, porque estamos falando de moita cantidade, de moitos quilos de gambóns, tenreira, de peixe... Entón ímoslle dando forma", explica José Antonio da Pereira, xefe de cociña do HULA. 

"A semana que vén esperamos recibir sobre 120 quilos de rodaballo fresco, sobre 100 quilos de rosbif, tamén para outra das comidas preparadas para o nadal, e os lagostinos, que non poden faltar nunha cea de nadal", engade Álvaro Caldeiro, encargado do cuarto de frío.  

Na cociña do HULA prepárase a diario a comida para uns 650 pacientes. Polo Nadal, esa cifra baixa e só permanece no hospital quen non pode pasar as festas coas súas familias. Para ese medio milleiro de persoas é para quen están pensados os menús especiais. 

"É facer un menú coma se fose para a nosa casa, especial, para que os pacientes se sintan tamén nunha noite especial, cunha comida especial e diferente que non é o mesmo de todos os anos", sinala Fina Rodríguez, cociñeira do HULA. 

"Un pouco darlles aquilo que habían comer na súa casa, mais ou menos", apostila Da Pereira. 

Na cociña do HULA tamén están concienciados coa necesidade de aproveitar os alimentos e minimizar os residuos. Tanto é así, que o hospital lucense acaba de ser recoñecido como o primeiro en todo o ámbito estatal que recibe a certificación Desperdicio Alimentario Cero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade