Un paciente agride unha doutora e un vixilante de seguridade no hospital do Salnés
A agresión foi no servizo de urxencias, a onde acudira para ser atendido, e presentaba síntomas aparentes de intoxicación e visiblemente alterado
Unha doutora e un vixilante de seguridade do servizo de urxencias do Hospital Comarcal do Salnés foron agredidos por un paciente con síntomas aparentes de intoxicación e visiblemente alterado que accedeu ao centro sanitario para ser atendido.
Este usuario foi reducido por axentes da Policía Nacional que se presentaron nas dependencias hospitalarias, onde un deles tamén sufriu unha agresión durante o forcexo co paciente, ao que finalmente houbo que sedar e intubar.
Esta nova agresión foi condenada publicamente a través dun comunicado pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cuxa xerencia insiste en priorizar a garantía de seguridade do persoal por encima de calquera outra circunstancia.
“Debemos coidar a quen nos coida, para que os nosos pacientes sexan os primeiros beneficiados. Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non se tolera ningunha agresión verbal ou física aos nosos profesionais, polo que se cursou a pertinente denuncia e tomaranse todas as medidas legais pertinentes”, sinala o comunicado.
“Condenamos enerxicamente calquera tipo de agresión, verbal ou física en nosas servizos, e lembramos que os profesionais sanitarios son autoridade e por tanto poden supoñer estes actos delituosos condenas moi, moi serias”, dixo pola súa banda o xefe de servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, Manuel Vázquez Lima.
“É tan incomprensible como intolerable que tanto pacientes como profesionais da sanidade pública sufran estas situacións”, indicou o doutor José Flores, xerente da área.
Por último, tamén se pronunciou o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen dixo que este tipo de agresións “nunca, nunca, nunca están xustificadas”.
O conselleiro lembrou que Sanidade modificou a lei de saúde de Galicia co obxectivo de protexer ao máximo todos os profesionais sanitarios.