O Supremo dá 30 días ao Goberno para acoller os menores solicitantes de asilo en Madrid
Responde a unha medida solicitada pola Comunidade de Madrid para que sexan atendidos polo sistema estatal aqueles menores actualmente a cargo dos servizos de menores desa comunidade
Imaxe de arquivo
O Tribunal Supremo requiriu ao Goberno para que, no prazo improrrogable de 30 días, se faga cargo dos menores estranxeiros non acompañados solicitantes de asilo que se atopan na Comunidade de Madrid.
O requirimento responde a unha medida cautelar solicitada polo Goberno da Comunidade de Madrid á Administración do Estado para que garanta o acceso e permanencia no Sistema Nacional de Acollida de Protección Internacional daqueles menores actualmente a cargo dos servizos de protección de menores desa comunidade.
A Sala do contencioso administrativo dispón que o Executivo central deberá dar conta ao Supremo, ao finalizar o prazo de 30 días, das actuacións realizadas en execución do actuado.
O Goberno rexional de Isabel Diaz Ayuso interpuxo un recurso contra a desestimación do requirimento efectuado o 9 de xullo de 2025 ao Goberno para que adoptase o solicitado e, ademais, pediu a medida cautelar que agora foi aceptada pola sala.
Agora ben, a Administración do Estado recoñece a 38 menores nesta situación fronte aos 50 que indica a Comunidade de Madrid.
Diferenzas co caso das Canarias
Neste sentido, o Tribunal Supremo aprecia "que existen diferenzas apreciables" entre o caso de Madrid e o de Canarias, "fundamentalmente derivadas do número de menores afectados", que está "moi lonxe en calquera caso dos miles de menores que estaban a padecer unha situación de verdadeiro amontoamento nas Canarias".
Pero, con todo, esta circunstancia do número de menores afectados "non debe impedir que se adopte a medida cautelar interesada, pois conduciría ao absurdo pretender que unha medida cautelar dirixida á protección do superior interese dos menores non puidese adoptarse ata que se constatase que se produciu o amontoamento destes, sendo ata entón privados duns dereitos que, indiscutiblemente, recoñécelles a lexislación nacional e europea".
E, continúa, esa "satisfacción debe ser procurada pola Administración do Estado", como así o acordaron nas Canarias.
O caso canario
O pasado novembro, o Goberno deu por cumprida a orde emitida polo Supremo de acoller aos menores migrantes non acompañados que pediran asilo en Canarias tras integrar na súa rede estatal de protección internacional a arredor de 700 nenos e adolescentes.
Desta forma, o Executivo central dixo cumprir "en tempo e forma" co último requirimento do alto tribunal, pero tratábase do terceiro aviso que lle deu o Supremo: a primeira orde emitiuna o 25 de marzo e nese momento deu ao Goberno un prazo -tamén "improrrogable- de 10 días para facerse cargo dos mozos.