Investigados catro menores de Nigrán por agrediren outro na zona de Praia América
Os colexios e institutos do Val Miñor colaboraron na identificación de todos os implicados
Os axentes da garda Civil determinaron como mentres uns eran os autores materiais da agresión, outros a gravaron ou axudaron a difundila
Garda Civil
A Garda Civil investiga catro menores, tres homes e unha muller de 16 e 17 anos, todos veciños de Nigrán, como presuntos autores de delitos de lesións, contra a integridade moral e de ameazas por agrediren un menor de 13 anos. Ademais, outro rapaz de 13 anos foi identificado.
Segundo informou o instituto armado, os feitos ocorreron o pasado 10 de xaneiro, cando varios dos investigados retiveron o menor e o levaron á forza a un canellón da zona, onde o agrediron.
A Garda Civil sinalou que unha das menores investigadas fixo un vídeo da agresión, en que se aprecia como é golpeado e acaneado o menor e como o obrigan a axeonllarse. O vídeo foi posteriormente compartido entre varios menores.
A vítima da agresión, acompañado pola súa nai, presentou unha denuncia no Cuartel da Garda Civil de Baiona, que puxo en marcha a investigación co obxectivo de lograr a identificación de todos os implicados e das numerosas testemuñas.
A Garda Civil explicou que grazas á colaboración dos diferentes colexios e institutos do Val Miñor se logrou identificar a todos os implicados. Ademais, os axentes determinaron como mentres uns eran os autores materiais da agresión outros a gravaron ou axudaron á súa difusión.
Ademais, segundo o relato policial, outro menor amigo dos agresores, tamén investigado, que non se atopaba no lugar dos feitos, comezou a escribir mensaxes ameazantes á vítima para evitar a denuncia.
As dilixencias foron postas ao dispor da Fiscalía de Menores.