Galicia contará por primeira vez cun helicóptero do 061 dispoñible en horario nocturno
O Consello da Xunta aprobou o novo contrato do servizo de transporte sanitario aéreo para os próximos oito anos
O servizo de emerxencias sanitarias 061 contará cun novo helicóptero que poderá operar durante o horario nocturno. Será o que actualmente ten a súa base en Santiago de Compostela.
O Consello da Xunta aprobou este luns o novo contrato para a prestación deste servizo durante os próximos oito anos, e que suporá un investimento de 55,6 millóns de euros.
Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a principal novidade é que esa aeronave poida atender emerxencias durante a noite, (ata o momento as dúas en servizo só o facían desde o orto ata o ocaso), contando ademais con melloras para poder atender enfermos e feridos en momentos de escuridade e poder realizar o seu traballo en condicións climatolóxicas adversas.
Ademais o Consello da Xunta tamén aprobou licitar as obras de construción dun Centro de Coidados Intermedios nas instalacións do antigo hospital psiquiátrico do Rebullón, en Mos. Suporá un investimento de 11,6 millóns de euros e permitirá atender persoas maiores que reciben a alta hospitalaria, pero que non están en condicións de regresar aos seus domicilios ou ás residencias nas que viven.
Por outro lado, na reunión semana do Executivo autonómico tamén se autorizou a adquisición de medicamentos de inmunoterapia oncolóxica para os hospitais galegos por un importe de 110 millóns. Segundo destacaba Alfonso Rueda, trátase de tratamentos "máis eficaces e menos agresivos" contra o cancro.