Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta cifra en 118.966 hectáreas a superficie queimada en Galicia este ano

A Xunta cifra en 118.966 hectáreas a superficie queimada en Galicia este ano

A conselleira do Medio Rural asegura que o 70 % dos focos foron provocados: "Galicia non arde soa, a Galicia quéimana"

María José Gómez avanza que a Xunta duplicará en 2026 as partidas destinadas a prevención, ata os 75 millóns de euros

A oposición pide a dimisión da conselleira e censuran falta de autocrítica

directo A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, este martes no Parlamento (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 04/11/2025 08:29 Última actualización 04/11/2025 12:57

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, fixo balance no Parlamento da vaga de incendios deste 2025, que arrasou con 118.966 hectáreas en todo o país. O 77 % da superficie queimada correspóndese a monte raso e o 33 % restante era arborizada.  En total, desde principios de ano rexistráronse 1.492 focos, o 45 % deles concentráronse en agosto, e 7 de cada dez foron intencionados: 473 de 673.

A titular de Medio Rural insistiu na Cámara galega en que a intencionalidade dos incendios en Galicia é unha realidade, e deu un dato: no que levamos de ano,15 persoas foron postas a disposición xudicial por incendios intencionados e outras dúas por imprudencias. Por iso, conclúe: "Galicia non arde, a Galicia quéimana; dicir isto non é inventar ningunha trama, dicir isto é contar a verdade", sentencia.

A conselleira do Medio Rural puxo en valor o traballo desenvolvido polos traballadores do equipo de extinción de incendios en condicións extremas. Un equipo formado por máis de 3.000 persoas, ás que se suman profesionais de emerxencias de concellos e deputacións, efectivos do exército, da UME e das forzas de seguridade do Estado.

"Estes profesionais aplicaron técnicas que nunca antes fixeran. Estes profesionais aos que responsabilizan de non chegar aos sitios son os que protexeron veciños de máis de 400 núcleos de poboación".

A conselleira avanza que a Xunta seguirá apostando pola formación dos profesionais, pola concienciación e tamén polas políticas de prevención. Neste senso anunciou que en 2026 o Goberno galego duplicará as partidas destinadas á prevención ata os 75 millóns de euros.

A titular do Medio Rural concluíu a súa intervención asegurando que gobernar significa "presentar orzamentos todos os anos, estar ao lado das persoas, aprender de situacións complexas e facer autocrítica e seguir mellorando. Atoparannos nese camiño".

A oposición pide a marcha da conselleira

Montserrat Valcárcel (BNG) denunciou que a xestión de Medio Rural "foi un fracaso" nun verán no que "arderon casas e aldeas enteiras": un dispositivo "minguado", con postos sen cubrir, efectivos "saturados", "non se reforzou a vixilancia presencial" e "non se garantiu a cobertura real as 24 horas".

Reclama cambios "reais" nos que se aposte pola planificación no canto da improvisación, debido a que "non se pode depender do heroísmo". "Se non está disposta, por favor, déixeo a outros", instou Valcárcel a Gómez a que marche.

Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) esixiu a "dimisión inmediata" da conselleira tras unha intervención que considera "indignante" polo seu "cero autocrítica". Urxe un cambio de modelo tras "máis de 150.000 hectáreas arrasadas en Galicia" e "veciños que estaban sós ante os incendios, protexendo os seus núcleos de poboación". Censura que a Xunta non teña previsto "nin unha medida" e reprocha que se diga que "o maior éxito é que non houbo vítimas", xa que lembra que acaban de dar o alta a un bombeiro forestal co 40 % do corpo queimado.

Igualmente, tanto BNG como PSdeG coincidiron en reprobar a "flexibilización" da moratoria "trampa" de eucaliptos que impulsa a Xunta ata final de 2030. En fronte, Miguel Ángel Viso (PP) defendeu que a Xunta respondeu "con eficacia ante unha situación tan extrema".

Na súa réplica, a conselleira do Medio Rural reprochou á oposición "utilizar os lumes e a dor dos galegos como arma política". Valora as axudas activadas polo Executivo autonómico free ao "ridículo" en apoios do Estado. "O que se demostra é que se pode confiar na Xunta, pero non no Goberno do señor Sánchez", sostén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade