Falece un neno de dous anos na Coruña tras enredarse cos tiradores dun estor
A policía investiga este accidente doméstico acontecido na rúa Ángel Senra

Un neno de dous anos perdeu a vida a pasada noite na Coruña por mor dun accidente doméstico rexistrado nun domicilio da rúa Ángel Senra. O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 23:20 horas, tras a chamada dun veciño que alertaba de que o menor non reaccionaba.
🔴#AXEGAInforma dun menor falecido na Coruña nun accidente doméstico.
— 112 Galicia (@112Galicia) September 15, 2025
📍Rúa Ángel Senra.
🔗 https://t.co/fw6Bw2JiHi pic.twitter.com/qwkOcREFIG
A sala de operacións do 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Policía Nacional, Autonómica e Local. Unha vez no lugar, os servizos de emerxencias confirmaron o falecemento do menor. A Policía investiga os feitos, aínda que todo indica que puido enredarse cos tiradores dun estor. Ademais, para ofrecer apoio especializado aos familiares, activouse o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.