Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miles de persoas piden frear a "emerxencia lingüística" que sofre o galego

Miles de persoas piden frear a "emerxencia lingüística" que sofre o galego

A manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego reclama unha "lingua vital xa!"

G24.gal 17/05/2025 13:39 Última actualización 17/05/2025 17:34

Milleiros de persoas saíron ás rúas de Santiago este 17 de maio para pedir que se reverta "a emerxencia lingüística" que sofre o galego tras os últimos datos publicados sobre o seu uso e competencias.

Na tradicional manifestación co gallo do Día das Letras Galegas, convocada pola plataforma Queremos Galego, reclamaron políticas para outorgarlle á lingua propia un lugar central na vida cotiá da cidadanía.

Desta volta, as pandeiretas convertéronse en protagonistas dunha xornada na que se rende homenaxe á poesía popular oral e ás cantareiras, que permitiron que o idioma, en forma de coplas, continuara sendo o transmisor da identidade do pobo galego.

A marcha, que partiu ao mediodía da Alameda compostelá, mudou o percorrido habitual e foi nesta ocasión polas avenidas de Figueroa e Rodrigo de Padrón, a travesía de Fonseca e a rúa do Franco, para rematar na Praza de Obradoiro.

Alí congregáronse máis de 5.000 persoas, que enarboraron as súas pandeiretas e bandeiras e lanzaron proclamas como "Galiza ten futuro en Galego" ou "Na rúa e na escola, galego a toda hora".

Na manifestación participaron diversos colectivos que forman parte de Queremos Galego como A Mesa Pola Normalización Lingüística ou partidos como o BNG, o PSdeG ou Sumar, ademais de sindicatos como a CIG ou CC. OO.

Antes da saída, o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, destacou que esta xornada "será histórica e decisiva".

"Non nos resignamos á expulsión da lingua galega da maior parte dos ámbitos da vida social", asegurou.   

"Que deixe de traballar en contra do galego"

En declaracións aos medios, a líder do BNG, Ana Pontón, reclamoulle ao Goberno do PP que "respecte o grande acordo sobre a lingua, o Plan de Normalización Lingüística" e "consensúe prazos e orzamento" para executalo.

Ademais, esixiulle ao presidente Alfonso Rueda que "deixe de traballar en contra do galego e o faga a prol da maioría que quere falar a súa lingua propia".

"É necesario modificar o decreto da vergoña na educación, que provocou que unha xeración educada baixo o mesmo, sexa a que menos galego fala da historia", expresou. 

Preservar a nosa identidade

O secretario xeral dos socialistas galegos tamén fixo un chamamento a prol da defensa e do coidado da nosa lingua. José Ramón Gómez Besteiro, que participou no acto institucional do 17 de maio, convidou a mocidade a empregar o idioma a diario para preservar a nosa identidade.

"Ao PP e á Xunta, que se sumen a ese proxecto no que todos podamos participar en darlle forza ao noso idioma, que está nun momento moi difícil. Sacalo fóra do ambiente familiar e do ambiente docente, ao ambiente de traballo, nos ambientes de ocio... facer unha chamada a esa mocidade para que utilice o noso idioma. En definitiva, un compromiso colectivo para defender o noso idioma, a nosa identidade, o que realmente somos, non?", asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade