CeibaRimas celebra en Pontevedra cinco anos de rap improvisado en galego
Os participantes foron sorteando as frases con pericia neste aniversario do certame que demostra que o freestyle en galego existe e está a medrar con forza
Dende as regueifas ata as batallas de galos, parece que non nos presta quedar coa palabra na boca
Chegamos ao Ceibarimas, na Alameda de Pontevedra e sentimos a vibración. Sobre o escenario prodúcese unha batalla que lembra a regueifa. Pero máis tarde soa outra que non se parece tanto e é difícil de seguir, pero que ten tanto mérito ou máis.
Esta competición achega frescura ás novas propostas do rap no país. E encontramos quen une a tradición co rapeo.
Esta competición única en galego han poder vela en breve na plataforma agalega.gal.
"CeibaRimas é o primeiro proxecto de rap improvisado en galego. A través de formacións presenciais, contidos online e eventos de freestyle creamos unha comunidade de improvisadores en galego, que ata agora non atopaban o seu espazo no noso panorama musical. O seu eixo central é unha liga de rap improvisado en galego, que pretende asentarse como referencia dentro da disciplina", explican os promotores do evento na súa páxina web.