O mosquito tigre afaise ao sur de Galicia e avanza polo Morrazo e Vigo
No que vai de ano identificáronse case trescentos casos
Por primeira vez apareceron exemplares en Mos, Bueu e Tui
O mosquito tigre, unha especie invasora do sueste asiático, detectouse en Galicia por primeira vez hai dous anos, na zona do Morrazo. Hai vinte anos que xa se coñece a súa presenza na área do Levante, pero o desprazamento das poboacións e o quecemento global semellan estar detrás da proliferación desta especie invasora.
En Galicia as comarcas do Morrazo e Vigo son as máis afectadas, con preto de trescentas mostras identificadas este ano.
"Este ano detectáronse especies de mosquito tigre por primeira vez en tres concellos: Bueu, Mos e Tui. A presenza do insecto é real nestas zonas pero aínda non é preocupante", confirma Silvia Suárez, xefa do servizo de saúde ambiental da Dirección Xeral de Saúde Pública.
O mosquito tigre, a diferenza do común, é máis agresivo, as súas picaduras son máis dolorosas e ten a capacidade de transmitir enfermidades perigosas como o dengue ou o zika, aínda que non se detectaron casos desta índole en Galicia.
"O máis perigoso son as picadas porque a reacción é maior que a do mosquito común. Si que pode transmitir enfermidades como o dengue, o zika ou o chikungunya. Temos que estar ocupados, non preocupados, porque a situación en Galicia aínda se pode controlar", insiste Silvia Suárez.
Para frear a súa expansión, os técnicos de sanidade apostan pola prevención e a concienciación da poboación, xa que unhas medidas sinxelas de aplicar, contribúen de xeito efectivo a limitar o número destes insectos.
"Reprodúcense poñendo ovos en pequenos recipientes de auga estancada. Cómpre non deixar recipientes pequenos que se poidan encher de auga coa choiva", recomenda a xefa do Servizo de saúde ambiental.
Unha comisión técnica da Consellería de Sanidade encárgase de monitorear o avance do mosquito tigre, e insiste en que o xeito máis eficaz de deter o seu avance é a través da prevención.