O mosquito tigre volve aparecer en Galicia esta tempada, e faino de novo en Moaña
Neste municipio foi onde se atoparon mosquitos tigre por primeira vez na nosa comunidade no verán do 2023
Os expertos aconsellan tomar precaucións para evitar as molestas picaduras
Moaña volve ser o lugar escollido polo mosquito tigre para aparecer en Galicia esta tempada. Crese que esta especie invasora puido asentarse de forma permanente no concello desde que se detectou por primeira vez no verán de hai dous anos.
A súa presenza alerta a poboación e moitos xa comezaron a tomar medidas.
É orixinario de Asia, pero debido ao comercio internacional conseguiu chegar á nosa costa. A picadura do mosquito tigre é molesta e pode ser dolorosa e provocar reaccións alérxicas, pero o perigo principal é que pode ser transmisor de virus como os que causan o dengue ou a zika, por iso é importante protexerse.
Moaña foi o verán pasado o municipio galego máis afectado por esta especie invasora; houbo outros na comarca como Vigo ou Redondela, pero con menor incidencia.