A festa da Batalla de Rande congrega centos de persoas en Redondela
Recrean a loita entre as tropas angloholandesas e as hispanofrancesas no ano 1702
Tamén houbo outras actividades para adultos e pequenos, como o mercado tradicional ou obradoiros para a cativada
En Redondela, deron este domingo un chanzo no tempo para situarse en 1702.
Na enseada de San Simón os navíos angloholandeses loitaron contra os hispanofranceses, no contexto da Guerra de Sucesión española. Naquela época participaron 20.000 combatentes, houbo uns 500 mortos e 20 barcos afundidos.
O acto central deste día é a pelexa entre os dous exércitos. A recreación da batalla de Rande congrega cada ano centos de persoas.
A mañá deste domingo, a pesar de estar pasada por auga, estivo chea de actividades para adultos e pequenos, como o mercado tradicional e obradoiros para a cativada onde puideron facer moedas ou selos. Baixo unha carpa houbo desfile, recibimento das tropas, representación teatral e actuacións musicais.
"Recollemos todo o que xorde en canto a esta historia e tratamos de levala adiante e facer teatro pero próximos á realidade que aconteceu hai 323 anos xa", di un dos participantes na recreación.
