A RAG e o Congreso asinan un convenio para traducir textos lexislativos ao galego
O convenio ten por obxectivo a formación, o coñecemento e a difusión da lingua galega, especialmente no ámbito da linguaxe xurídica

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e a presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol, asinaron este venres na Coruña un convenio de colaboración para a formación, o coñecemento e a difusión da lingua galega, especialmente no ámbito da linguaxe xurídica.
A RAG, segundo informou, encargarase de traducir ao galego as iniciativas lexislativas aprobadas pola Cámara Baixa e, ademais, prestará o apoio que puntualmente se poida requirir para a tradución, validación e elaboración no idioma propio de Galicia de documentos relacionados coa actividade non parlamentaria da Cámara.
Monteagudo agradeceu á presidenta do Congreso a iniciativa de establecer este marco de colaboración e tamén o feito de converterse este venres na primeira persoa que ostenta a máxima autoridade das Cortes Xerais, e a terceira do Estado, en visitar -de forma simbólica, debido ás obras- a Academia.
O acordo, dixo o presidente da RAG, "constitúe un paso de gran relevancia no recoñecemento da diversidade lingüística do Estado, que ampara a Constitución, e que debe reflectirse non só nas institucións das respectivas comunidades autónomas con lingua propia, senón tamén nas do Estado, dunha maneira máis efectiva do que se fixo ata o de agora".
Armengol referiuse á "conciencia compartida de que é imprescindible a vontade dos gobernos e das institucións para respectar, preservar e promover todas as linguas".
Este marco de colaboración, segundo a presidenta do Congreso, "vai moito máis alá dun éxito de convivencia e cogobernanza", pois "supón unha declaración institucional de intencións sobre un obxectivo común: avanzar polo camiño da pluralidade lingüística e fortalecer a capacitación da lingua galega para que se consolide como medio de expresión a todos os niveis".
"A defensa da diversidade lingüística, non nos cansaremos de repetilo, é unha fonte de riqueza cultural, identitaria e social", insistiu.
Nesta visita, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu a Francina Armengol en María Pita.