Os retiros espirituais nos mosteiros cada día teñen máis adeptos
Nos últimos anos, os mosteiros convertéronse en espazos de acollida para persoas que desexan afastarse do estrés diario e vivir unha experiencia de introspección
Fuxir do estrés, afastarse das tecnoloxías, estar en contacto coa natureza ou sandar feridas. Son algúns dos motivos polos que cada vez máis adeptos se unen á moda dos retiros espirituais nos mosteiros. Lugares que manteñen así unha tradición centenaria de acollida adaptándose as necesidades actuais sen perder a súa esencia.
Nos últimos anos, os mosteiros convertéronse en espazos de acollida para persoas que desexan afastarse do estrés diario e vivir unha experiencia de introspección. A través dos retiros espirituais, estes lugares ofrecen silencio, oración e unha convivencia sinxela, así o explica o Padre César Mañueco, Hospedeiro no Mosteiro de Oseira.
A Regra de San Bieito, do século VI, establece que os mosteiros deben ter unha hospedería e así é nos mosteiros galegos de Armenteira, Sobrado, Samos, Ferreira de Pantón e este no que nos atopamos, o de Oseira, no que viven 9 monxes.
No Mosteiro de Oseira abren a hospedería en febreiro. Dispoñen de 14 habitacións, algunhas dobres, e o visitante debe hospedarse polo menos 2 noites e compartir os rezos cos monxes.
Un lugar onde parar, deixar a mochila do día a día e buscar o luxo da paz.
Claustro do mosteiro de Oseira