Os produtores de leite poderán esixir a revisión dos contratos
O Goberno acorda a norma para que repercutan os incrementos nos custos
A nova lei de pesca permitirá a xubilación anticipada de mariscadoras e percebeiros
Os produtores de leite que teñan subscritos contratos de máis de seis meses poderán esixir a súa revisión se os custos de produción se disparan. O único requisito é que eses custos sexan máis altos que o prezo que reciben os gandeiros durante polo menos tres meses.
Luis Planas, ministro de Agricutura, Pesca e Alimentación, explicou: "É unha novidade consecuencia da aplicación da lei de cadea alimentaria, demandada polo sector e tremendamente importante, que constitúe un avance moi importante de cara ao cumprimento desta lei".
O decreto tamén facilita a constitución de organizacións de produtores: rebaixase o requisito de produción que se lles viña esixindo ata agora para permitilo.
O ministro tamén anunciou o repartimento este mes dos 169 millóns de euros de axudas directas ao sector leiteiro polas consecuencias da guerra na súa actividade.
Foi nun consello de ministros en que tamén viu a luz a nova lei de pesca sustentable. Inclúe a consideración de redeiras, mariscadoras, percebeiros ou recolledores de algas como profesións de especial penosidade e por tanto con dereito a xubilarse antes da idade ordinaria sen ver reducida a pensión.
O ministro xustificouno: "Teñen un traballo dunha especial dificultade, que o xustifica; falamos dun colectivo de 5.300 persoas que se fan merecedoras dun tratamento máis favorable desde o punto de vista da súa xubilación laboral".
A lei tamén aclara quen poderá beneficiarse da asignación de cotas de pesca e introduce limitacións para evitar a especulación con estes dereitos de capturas.