Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os presidentes provinciais do PPdeG amosan o seu apoio a Alfonso Rueda

Os presidentes provinciais do PPdeG amosan o seu apoio a Alfonso Rueda

Este martes reuniuse o comité organizador do Congreso que pechará a sucesión de Feijóo

G24.gal 19/04/2022 14:55

O PP de Galicia arranca a maquinaria con vistas ao congreso que se celebrará en Pontevedra o 21 e 22 de maio. Á fronte da súa organización está a líder dos populares en Lugo, Elena Candia, que considera que o seu partido vai "seguir demostrando que somos o partido que máis se parece a Galicia, o partido no que máis confían os galegos".

Xa está aberto o prazo para presentar candidaturas. Quen aspire a liderar o partido ten que reunir 90 avais. Pero o certo é que todo apunta a que haberá un único nome, o de Alfonso Rueda.

Conta co apoio do resto de presidentes provinciais. Para Diego Calvo, líder do PPdeG na Coruña, "vai ser un congreso excepcional, onde vai haber unidade, que é o que nos caracterizou durante estes anos, e, loxicamente, sairemos ben do congreso".

Os baróns provinciais responden así ao chamamento á unidade que fai o equipo saínte, tanto Alberto Núñez Feijóo como Miguel Tellado, que considera que "tan importante a valentía de quen dá un paso adiante como a xenerosidade dos que, estando igual de capacitados, deciden formar parte do equipo desa persoa".

Tellado, aínda secretario xeral do PPdeG, tamén deixará o cargo para concentrarse no seu novo posto dentro da dirección nacional do partido. Gustaríalle que o substituíse unha muller.

Pero polo momento, todas as olladas están postas en quen, previsiblemente, vai ocupar a presidencia. Este martes, Alfonso Rueda mantivo un encontro co líder do PP de Ourense, Manuel Baltar, a quen quixo  "agradecerlle a súa disposición e a súa xenerosidade á hora de entender que este é un proceso que temos que facer entre todos, en beneficio de todos, dende a unidade que sempre tivemos".

Segundo o calendario previsto, a remuda na Xunta producirase antes que a do partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar